RADIO.- Pontevedra coprotagonista da novela 'Nuevas partituras' de Ana Carbajales

Pontevedra
18 de xullo 2023

Co pseudónimo de Ana Carbajales, esta asturiana residente en Pontevedra desde hai dúas décadas, autoedita a súa segunda novela. Charlamos con ela no podcast 'Cara a cara' de PontevedraViva Radio

Ana Carbajales en PontevedraViva Radio
Ana Carbajales en PontevedraViva Radio / PontevedraViva

Ana Carbajales é o pseudónimo co que se presenta a muller que asina 'Nuevas partituras'. Unha muller asturiana que por motivos profesionais chegou hai vinte anos a Pontevedra coa idea de que fose por pouco tempo e que actualmente ten "a idea de irme desaparecida". Charlamos con ela no podcast  'Cara a cara'.

Escribir, escribía desde a mocidade, publicar non se produciu ata 2020 con 'Lejos del diván'. Unha historia que xurdiu durante a espera nun centro médico. Este ano volveu con 'Nuevas  partituras', unha narración que discorre entre unha localidade portuguesa e Pontevedra. Carbajales defínea como "unha novela intimista, podería estar dentro da novela negra pero cun grao de intimismo". Estela, a protagonista, atopa un home moribundo na praia de San Joao e a respostas ás preguntas que se fai sobre a identidade dese home irá buscalas a Pontevedra.

No desenvolvemento desta trama tamén hai cuestións que a autora inclúe para a reflexión ou para a súa visibilidade: o suicidio, o cancro, o autismo, a defensa animal, a linguaxe de signos... O podcast completo pódese escoitar na ligazón que se adxunta e tamén se pode descargar desde a web de PontevedraViva Radio.