RADIO.- PontevedraViva Radio leva a 'Xeración Sónica' aos seus podcast

Pontevedra
24 de maio 2023

Este próximo venres estará dispoñible en PontevedraViva Radio o primeiro dos capítulos nos que se irán coñecendo as bandas que integran esta iniciativa. Xeración Sónica é un programa anual do Concello de Pontevedra onde mozos e mozas da cidade únense para crear proxectos artísticos

A música vertebra todo o proxecto de Xeración Sónica
A música vertebra todo o proxecto de Xeración Sónica / Mónica Patxot

Les Poubelles, Ornitorrincos, Malo Será, Vermes, Rek y Simpsonhead son os seis proxectos que se consolidan na quinta edición de Xeración Sónica.

Trátase do proxecto anual que promove a Concellería de Xuventude do Concello de Pontevedra e a través do cal, mozos e mozas da cidade únense en equipos creativos que dan lugar a formacións artísticas como as sinaladas. 

Estas formacións artísticas comezan a dar os seus primeiros pasos; isto é, a identificarse como banda, cun estilo e crear as súas primeiras cancións, coa tutela de tres monitores: Gonzalo Maceira, Violeta Mosquera e Alejandro Alonso.

Ademais, realizan os seus primeiros directos grazas a iniciativas culturais que tamén se promocionan desde a cidade como o Surfing the Lérez, o Galegote Rock, Músicas nas Letras, etc... ou de colaboracións xa consolidadas con iniciativas doutros lugares como polo exemplo a Escola de Rock de Paredes de Coura.

PontevedraViva Radio visibiliza o traballo que alumnos e titores desenvolven no Local de Música de Pontevedra.

Nos capítulos dos podcast Xeración Sónica iranse coñecendo as inquietudes artísticas, aprendizaxe e experiencias destas promesas pontevedresas; así como os puntos de partida e obxectivos que se van cumprindo e que explican os adultos do proxecto.

Semanalmente, os venres ás 18.00 horas emitirase cada episodio no streaming que poderá escoitarse e descargar unha vez finalizado o programa desde a web de PontevedraViva Radio.