RADIO.- Presentador, actor e agora Carlos Sobera tamén ten libro: 'A contracorriente'

Pontevedra
26 de abril 2024

É un dos rostros máis coñecidos da televisión e na súa traxectoria conduciu, e segue conducindo, numerosos concursos. Unha faceta profesional que compaxina, en maior ou menor medida, coa de actor. Nunha intensa semana profesional diante das cámaras tamén visita Galicia para promocionar o seu debut como escritor, un libro autobiográfico do que falamos con Carlos Sobera en PontevedraViva Radio

O popular presentador de televisión Carlos Sobera
O popular presentador de televisión Carlos Sobera / Esteban Palazuelos

Se fosen preguntas daquel concurso televisivo '50x15' ou 'Quen quere ser millonario', quen pasarían esta criba: en que localidade biscaíña naceu Carlos Sobera?, que carreira universitaria estudou?, que foi primeiro na vida de Carlos Sobera o teatro ou a televisión?, foi profesor universitario?, en cantas televisións, públicas e privadas traballou como presentador?, cal foi o teatro que chegou a comprar e posteriormente a vender?, con que actriz francesa chegou a pasar un dos peores momentos da súa vida profesional?, que papel interpretou Carlos Sobera na serie 'Ao saír de clase'?... todas teñen resposta. Estas e outras tantas máis están en 'A contracorriente'.

Carlos Sobera vueve a facer honra ao título deste libro que acaba de publicar e destápase persoal e profesionalmente ante o público lector.

Trae unha invitación para perseguir aquilo que se soña, que se quere facer na vida, sen someterse aos ditames do que os demais esperan que se faga. Un libro que discorre nun ton que, este non vai ao contraxeito, é tan fresco e natural como o Sobera que aparece nas pantallas de televisión.

Nunha semana moi intensa para este showman, (así se define nalgún momento do libro), con estrea de programa, cambios na programación da televisión que o ten en nómina e anuncio do regreso do reality por excelencia neste país, Carlos Sobera viaxaba a Galicia para promocionar o seu debut como escritor e nesta promoción dedicáballe un tempo a  PontevedraViva Radio.

O podcast está dispoñible desde a súa web e tamén se pode escoitar na ligazón que se adxunta.