RADIO.- "Séguense cometendo os mesmos erros", falamos con Pilar Eyre da súa nova novela 'De amor y de guerra'

Pontevedra
23 de outubro 2023

'De amor y de guerra' é o novo título que está a promocionar estes días a escritora e xornalista Pilar Eyre, unha novela ambientada na guerra civil española e a Segunda Guerra Mundial. Acompáñanos no podcast 'Cara a cara' de PontevedraViva Radio.

'De amor y de guerra' é a recente novela de Pilar Eyre
'De amor y de guerra' é a recente novela de Pilar Eyre / Jona Jaraba

Pilar Eyre fixo un traballo previo de documentación e recompilación de historias persoais para escribir 'De amor e de guerra', a novela que está a promocionar e que traslada ao público lector ao período da guerra civil española e a Segunda Guerra Mundial. É "unha ficción verosímil, tratei de darlle humanidade a toda a documentación e recordos familiares. Se non pasou así puido ser" explica no podcast 'Cara a cara' e recorre a palabras de Vargas Llosa para definir este tipo de novelas: "o contexto histórico pódese coñecer mellor a través das historias de quen a viviu".

Román e Beatriz son os principais protagonistas. El un atractivo novo que foxe de España a Francia por ser sospeitoso de 'vermello' e ela, unha moza de familia burguesa quen embarazada de Román opta por seguir en Barcelona e á espera de que o seu marido poida regresar. Son moi diferentes e a medida que se van pasando páxinas as súas personalidades van amplificándose; unha intención que sempre persegue Eyre en todos os seus libros.

'De amor e de guerra' sitúase no século XX pero hai circunstancias que son perfectamente extrapolables ao momento actual e que reflicte, por exemplo, un dos personaxes: "se os homes non importan, entón que non me veñan con paparruchas de ideoloxías para salvar a humanidade ". Tamén emerxe da historia que narra o desarraigamento, "enfermidade que nunca se pode curar". E é que, 'De amor e de guerra' evidencia que pese ao paso do tempo "séguense cometendo os mesmos erros".

Ademais da guerra coas súas secuelas e as súas vítimas, a novela emana sentimentos: o amor, como o seu título indica e igualmente a amizade, que é un fío condutor desta historia. O podcast completo pódese escoitar na ligazón que se adxunta e descargar na web de PontevedraViva Radio.