RADIO.- Silvia Rodríguez Coladas presenta 'Bosquesanto', unha novela negra aderezada con moita retranca

Pontevedra
06 de maio 2022

'Bosquesanto' é unha aldea, perfectamente galega, onde desaparece un dos seus veciños. Silvia Rodríguez Coladas coñece perfectamente como son os seus habitantes e que sucede porque ela é a autora desta novela negra. Abrimos estas páxinas en PontevedraViva Radio

Silvia Rodríguez Coladas presenta este venres en Pontevedra 'Bosquesanto'
Silvia Rodríguez Coladas presenta este venres en Pontevedra 'Bosquesanto'

Silvia Rodríguez Coladas naceu en Pontedeume, estudou e viviu a primeira mocidade en Madrid e unha decisión dos seus pais vincularíaa definitivamente a un pazo, A Saleta, en Meis. "Vivindo alí xurdiume a necesidade de escribir", explica no podcast 'Cara a cara' para referirse á súa primeira novela, recentemente publicada: 'Bosquesanto'. Preséntase este venres 6 ás 20.00 horas no Espazo Nemonon de Pontevedra, o 12 de maio na Coruña e o 19 de maio en Madrid.

É unha novela negra situada no norte peninsular e aderazada desa tan galega retranca: "non me custou, porque sempre tiven esa retranca que debo levar nos xenes. Todo o que escribín estivo impregnado de humor,  non son capaz de escribir toda seria. Sáeme así". E é que, se extrapolamos ao mercado musical, pódese dicir que este é o primeiro 'elepé' de Silvia Rodríguez, pero editou moitos 'epés' a través de colaboracións en diversas publicacións ou o seu propio blogue

Hai outro elemento que introduce en 'Bosquesanto' e é o ecoloxismo, ou máis ben o paroxismo do ecoloxismo; cuestión que dá para falar no programa da imposición ecoloxista ou ecoloxía impostada que marca o momento e a sociedade actual. Argumenta e defende o vínculo e o respecto cara á natureza con absoluto convencemento e acción diaria.

Gústalle recuperar palabras en desuso, algo que segue facendo nas súas colaboracións literarias e tamén lle gustan os refráns galegos. Ten en mente xa outra novela de ficción "un pouco  vampírica, pero baseada en dous feitos históricos" e outro libro de non ficción "que me vai a saír a gallarón e será moito máis rápido, un libro de autoaxuda para urbanitas". Máis nada que engadir, o resto da trama está no podcast de PontevedraViva Radio.