Ramón Loureiro e Tamara Montero, gañadores do Julio Camba e do Fernández del Riego

Pontevedra
13 de xuño 2016

Para o Julio Camba presentáronse 99 traballos e para o Premio Fernández del Riego 14 artigos. Cada un dos premios, promovidos por Afundación e Ámbito Cultural El Corte Inglés, está dotado de 6.000 euros e a entrega será en outubro

Xurado dos Premios Julio Camba e Fernández del Riego
Xurado dos Premios Julio Camba e Fernández del Riego / PontevedraViva

Cúmprense 37 edicións do Premio de xornalismo Julio Camba, para artigos publicados en prensa, e 13 do certame Fernández del Riego, para textos escritos en galego. Este ano presentáronse ao Julio Camba numerosos escritos procedentes de América Latina e tamén resultou sorprendente que de Málaga procedesen máis de media ducia de traballo, segundo afirmou o presidente do xurado, Alfredo Conde.

De entre os 99 artigos que chegaron á selección final, o xurado concedeu o premio Julio Camba ao artigo de Ramón Loureiro titulado 'Sombra e aire' publicado o 27 de febreiro de 2015 en La Voz de Galicia.

O xurado, formado polo escritor Alfredo Conde, María Teresa Cores, Carlos Valle e Ramón Pernas, destacou o estilo desta proposta que conta a historia do bispo Pedro Muñiz.

O Premio Fernández del Riego recaeu na figura de Tamara Montero polo seu artigo 'Botóns escuros', tamén publicado en La Voz de Galicia o 28 de novembro de 2015.

Neste traballo nárrase o impacto da desaparición do escritor Neira Vilas e a influencia que exerce a súa principal obra, 'Memorias dun neno labrego'.

O xurado destes premios, promovidos por Afundación e Ámbito Cultural El Corte Inglés, destacaba que nesta edición non se presentaron escritores nin xornalistas de gran renome pero o nivel medio foi máis alto que en anos anteriores.

Os premios están dotados cunha cantidade de 6.000 euros cada un e entregaranse no mes de outubro.