Recepción ao coro do IES A Xunqueira I, vencedor no concurso nacional de coros escolares

Pontevedra
21 de xuño 2024

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado do concelleiro de Educación e Cultura, Demetrio Gómez, felicitaron o Coro do IES A Xunqueira I no CITA por gañar no certame onde tamén houbo unha mención especial á mellor dirección, premio recollido por María Luisa Sánchez González, fundadora tamén da agrupación

O coro do IES A Xunqueira I no CITA co alcalde de Pontevedra tras vencer no concurso estatal de coros escolares
O coro do IES A Xunqueira I no CITA co alcalde de Pontevedra tras vencer no concurso estatal de coros escolares

A novena edición do Concurso Nacional de Coros Escolares volveu demostrar a calidade musical e artística do Coro do IES A Xunqueira I, que leva anos exhibindo o seu bo facer da man da súa directora María Luisa Sánchez González, fundadora da agrupación e que leva cinco anos consecutivos logrando chegar a esa final estatal.

Este venres, Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, acompañado por Demetrio Gómez, concelleiro de Educación e Cultura, felicitaban aos corenta estudantes que conforman o coro nunha recepción oficial no Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA).

Ademais de lograr a vitoria no concurso, que lles proporciona unha dotación económica de 8.000 euros, Luisa Sánchez conseguía tamén unha mención especial á mellor dirección.

Durante a final incorporaron a lingua de signos a través dunha estudante a unha das pezas interpretadas.

"Eu quero agradecervos o voso traballo, e tamén aos responsables, a directora do coro e ás profesoras que adican tempo para que poidades ser mellores", indicaba Fernández Lores á agrupación agradecendo o esforzo e destacando a relevancia que este tipo de acontecementos teñen para Pontevedra.

O coro, formado principalmente por voces femininas, finalizaba o acto cunha interpretación musical no CITA.