Recollen 800 quilos de alimentos no festival benéfico dos Abrentes de Cerdedo

Cerdedo Cotobade
25 de decembro 2023

O auditorio de Cerdedo quedou pequeno ante a cantidade de público que se achegou ao festival benéfico de Nadal organizado por Os Abrentes de Cerdedo, que logrou recadar uns 800 quilos de alimentos para o comedor social de San Francisco, en Pontevedra

Festival benéfico dos Abrentes de Cerdedo
Festival benéfico dos Abrentes de Cerdedo /

O auditorio de Cerdedo quedou pequeno ante a cantidade de público que se achegou ao festival benéfico de Nadal organizado por Os Abrentes de Cerdedo, que logrou recadar uns 800 quilos de alimentos para o comedor social de San Francisco, en Pontevedra.

Tal foi o éxito que moita xente tivo que escoitar os concertos dende o recibidor do auditorio.

No festival participaron as agrupacións tradicionais Os Trazantes de Tenorio, Foula de Tenorio, As Pandereteiras do Val de Quireza, Os Afoutes do Canon de Pau e Tralha da Terra de Montes.

Xunto a eles estiveron os anfitrións, Os Abrentes de Cerdedo en colaboración co CEIP San Xoan Bautista de Cerdedo, coordinada pola mestra Cristina Romeo Mougán e o presidente da asociación Gabriel Pazos Bugallo.

Durante o festival, o presentador Rubén Troitiño conectou co público cun apaixoante debate interactivo sobra as tradicións musicais da contorna da Terra de Montes, tal e como viña desenvolvendo o seu rol de historiador co seu proxecto das Músicas da Terra de Montes.

O rematar as actuacións, Os Abrentes de Cerdedo aproveitaron para homenaxear a xa desaparecida agrupación Pandereteiras de Barro de Arén.

A paixón pola música tradicional e a solidariedade dos veciños, asociacións culturais e comerciantes de Cerdedo-Cotobade uníronse así para dar forma a unha noite máxica.