Reincidentes e Sofía Gabanna, novas confirmacións do Armadiña Rock

Poio
27 de xuño 2022

A organización do Festival Armadiña Rock deu a coñecer novos nomes para os concertos que terán lugar na vila de Combarro entre o 26 e o 28 de agosto de 2022

Imaxe promocional de Reincidentes
Imaxe promocional de Reincidentes / Armadiña Rock

A organización do Festival Armadiña Rock deu a coñecer novos nomes para os concertos que terán lugar na vila de Combarro entre o 26 e o 28 de agosto de 2022.

Un deses grupos recentemente confirmados é un clásico no panorama musical nacional. Trátase de Reincidentes, banda andaluza en activo desde o ano 1987 e recoñecida polo seu importante compromiso social.

Ademais estará no Armadiña Rock 2022 a artista Sofía Gabanna, unha das propostas enmarcadas dentro do xénero rap que se subirá ao escenario da Praza da Chousa. É unha das revelacións do panorama musical actual, e fará parada en Combarro dentro dunha xira que lle levará por puntos de toso o Estado.

O festival contará por outro ado con 'Llegamos tarde dj set', un grupo de tres mozas galegas que, mentres se conforman como banda de rock, comparten en formato dj o mellor da música urbana actual galega e internacional. Serán as encargadas de poñer o punto máis festivo ao evento.

Por último entre os as novas fichaxes tamén se atopan grupos que animarán as rúas da vila (Louband Street Band) e actividades destinadas ao público familiar (Brais das Hortas).

Estes nomes súmanse aos xa confirmados previamente: Desakato, O Cadelo Lunático, Fondo Norte, Sheila Patricia, Pandereireteiras de Ronsel, Rebeliom do Inframundo, MJ Pérez e La Quinkillada.