Remata Núbebes despois de catro días "cheíños de cousas bonitas"

Pontevedra
05 de marzo 2023

Este domingo foi o último día da edición deste ano do Festival das Núbebes logo dunha fin de semana de intensa actividade e artes escénicas para bebés e as súas familias  

Festival das Núbebes. "Nube, nube, sol", de Teatro ó Cubo
Festival das Núbebes. "Nube, nube, sol", de Teatro ó Cubo / Mónica Patxot

Este domingo foi o último día da edición deste ano do Festival das Núbebes logo dunha fin de semana de intensa actividade e artes escénicas para bebés e as súas familias. Foron catro días "cheíños de cousas bonitas".

Xa o venres as familias que asistiron ao Teatro Principal atoparon agocho baixo os paraugas para bailar e cantar acompañados de pintorescos animais. O espectáculo "Nube, Nube, Sol" meteu ao público de cheo na diversión e na aprendizaxe de todo o que choiva e o sol provoca na nosa contorna. A través do corpo, o xesto, o canto e a música Teatro ó Cubo achegou á primeira infancia a maxia dos ciclos da natureza e a importancia da choiva para que todo medre.

Na mañá do sábado desenvolveuse o espectáculo de Marta Ortiz, "Casa, casiña, casona" arredor do fogar como símbolo do colo amoroso que nos acolle nos primeiros anos de vida, que nos arrola, abraza e protexe. O centro do mundo na primeira infancia. Un espectáculo baseado no asombro e na transmisión do amor a través da palabra, dos primeiros cantos, xogos, cancións, de dedos, trabalinguas, poemas... 

Este domingo houbo dúas sesións de "Contacontos" con Pablo Díaz que fixo unha viaxe a través dos contos coa música como fío condutor, tratando temas e rutinas adaptadas para as máis pequenos. Para conseguilo, axudouse de instrumentos como frautas, guitarra, harmónica e algún dos seus temas máis populares.

Tamén houbo dúas estreas, a do espectáculo de Tricus Beliscus, un obradoiro de narración oral e música na Casa das Campás, e o concerto Silforiña, no Principal. E por suposto, as familias tamén xogaron á tradicional guerra de almofadas, antes de que Roque despedira o Festival das Núbebes ata o ano que vén.