Remate galego e subversivo para o Festival Internacional de Jazz e Blues

Pontevedra
19 de xullo 2015

Este domingo o festival chegará á súa fin cun nome galego no cartel, o de Vixilio da Silva, que presentará os seus últimos traballos, froito de dous últimos anos nos que se dedicou á busca e experimentación e unha música con influencias inclúen o rock máis psicodélico e ácido de finais dos 70's, o jazz, o pop avant-garde máis experimental, o noise e o stoner rock

Concerto de Ruthie Foster na Ferrería
Concerto de Ruthie Foster na Ferrería / Diego Torrado

A compositora e cantante texana Ruthie Foster e a súa poderosa voz impuxéronse como o plan escollido por unha boa parte dos pontevedreses para a noite deste sábado, volvendo encher a praza da Ferrería de espectadores entregados ás propostas do Festival Internacional de Jazz e Blues.

Ruthie Foster puxo a voz e a guitarra a unha noite na que o acompañaron Scottie Miller aos teclados, Larry Fulcher no baixo e Samantha Banks tocando a batería para compartir cos pontevedreses os temas principais da súa carreira e do seu útlimo traballo publicado, 'Promise of a Brand New Day', lanzado ao mercado en 2014 e que supuxo a súa terceira candidatura aos Grammy.

E tras a súa actuación, este domingo o festival chegará á súa fin cun nome galego no cartel, o de Vixilio da Silva, que presentará os seus últimos traballos, froito de dous últimos anos nos que se dedicou á busca e experimentación e unha música con influencias inclúen o rock máis psicodélico e ácido de finais dos 70's, o jazz, o pop avant-garde máis experimental, o noise e o stoner rock.

O guitarrista, que comezou a súa formación no Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra, ofrecerá aos espectadores unha música que ten como máxima a busca da liberdade máis alá da súa clasificación nun xénero determinado e que aspira, por riba de todo, a manifestar a súa esencia subversiva.

A Da Silva acompañaranlle sobre o escenario Joris Roelofs (saxo alto e clarinete baixo), Yago Vázquez (piano e fender Rhodes), Felix Barth (baixo) e Mark Schilders (batería).