Este xoves 19 de febreiro tivo lugar unha celebración do Entroido na residencia da terceira idade de Campolongo.
Na organización deste evento, participaron numerosos traballadores da entidade coa colaboración de Cruz Vermella, sumando case un centenar de persoas, acompañados dun equipo de dez voluntarios para asegurar que todo ocorría segundo o planificado.

A comparsa "Os Solfamidas", de Campo Lameiro, protagonizaron a festa, ofrecendo un espectáculo no que ninguén quedou sen bailar.
Ás cancións e os bailes seguiulles unha gran merenda con orellas e outros esenciais do Entroido. Ademais, deseñouse un photocall para que os asistentes puidesen mostrar os seus disfraces e gardar recordos da festa, cuxa temática era o sol.

O propósito deste tipo de eventos recae principalmente en acompañar aos maiores para evitar a soidade á que se teñen que enfrontar, creando vínculos entre diferentes xeracións. Serve para mostrar a importancia de estar presente na vida social destas persoas para motivalas e darlles felicidade.
Grazas á participación da Cruz Vermella pódense combinar recursos co obxectivo de ofrecer novas oportunidades e actividades.
Esta organización conta cun programa dirixido á terceira idade financiado pola Xunta de Galicia. En 2025, atendeu a máis de 1.800 persoas da zona.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.