Sempre sentín atracción polos edificios abandonados e, vaia por onde vaia, resúltame moi doado atopar algún lugar que coñeceu tempos mellores e agora está apenas ocupado por un aire enchoupado de decadencia, pero aínda me atraen máis esas edificacións que levaban tempo desocupadas e case esquecidas e nalgún afortunado momento foron reinventadas para poderen ser de novo usadas pola cidadanía.
Na cidade estadounidense de Buffalo, ao norte do estado de Nova York, nas beiras do lago Erie, na fronteira con Canadá, tiven a oportunidade de visitar unha colosal estación de ferrocarril abandonada coñecida como Buffalo Central Terminal, que estivo activa dende 1929 até 1979, ano en que foi pechada pola drástica diminución do tráfico ferroviario en todos os Estados Unidos debida ao abandono do tren por parte duns viaxeiros que se decantaron pola modernidade e a rapidez que lles ofrecía a aviación.

A parte máis fermosa da Central Terminal, na actualidade en estado de absoluto abandono e só utilizada para a celebración de algún que outro evento, é o seu enorme edificio de estilo art déco de nada menos que dezasete andares, que foi inaugurado o vinte e dous de xuño de 1929 cunha festa para máis de dous mil convidados, reunidos para dar a benvida ao Empire State Express, un tren procedente da cidade de Nova York, a máis de setecentos quilómetros, e dende ese momento a estación nunca deixou de medrar até chegar a ter mil cincocentos empregados, encargados de xestionar unha máis que importante afluencia de pasaxeiros e un intenso tráfico de mercadorías.
Pero logo do seu peche, a fastosa terminal ficou para sempre abandonada e mesmo se falou da súa demolición, que por sorte non se produciu, porque en 1997 unha organización sen ánimo de lucro comprou o edificio pola simbólica cifra dun dólar e comprometeuse a restauralo cos cartos obtidos pola organización de eventos como oque me levou a min até o lugar, o Shelton Brothers' Festival, unha feira internacional de cervexas e sidras artesás organizada por unha empresa que, até o seu peche no ano 2020, era coñecida nos Estados Unidos pola importación de produtos de alta calidade procedentes do mundo enteiro.
A Buffalo Central Terminal pareceume un recinto moi interesante por estar cargado de reminiscencias dun pasado esplendoroso, co seu vestíbulo decorado con bronce e mármore e con paredes cheas de grandes fiestras, coas súas numerosas billeteiras, algunha das cales aínda conservaba papeis impresos cos horarios dos trens pegados no cristal, co seu reloxo para sempre parado nunha mesma hora e coas súas plataformas e vías silenciosas e baleiras nas que medraran herbas e pequenas matogueiras que daban unha boa idea do tempo que levaban sen usarse.


Outro lugar abandonado que deixou unha fonda pegada en min descubrino na cidade catalá de Sant Adrià de Besós, limítrofe con Barcelona, onde seguen en pé os restos dunha antiga central térmica clausurada no ano 2011, logo de estar en funcionamento dende 1973.
Trátase dunha enorme estrutura de formigón armado que sempre suscitara unha forte oposición veciñal por acoller unha industria altamente contaminante que provocaba a coñecida como choiva negra, unha precipitación altamente tóxica e moi perigosa tanto para a saúde humana como para o medio ambiente.

As tres impoñentes chemineas da antiga central, de douscentosdesafiantes metros de altura, erguidas na marxe esquerda da desembocadura do río Besós, e a súa inmensa nave de turbinas cambiaron para sempre a paisaxe desa zona da costa barcelonesa e na actualidade seguen en pé tras seren declaradas ben de interese cultural, pero o acceso ás instalacións estivo totalmente prohibido até que no ano 2024 foron escollidas para acoller unha das sedes da Manifesta 15, a prestixiosa bienal europea de arte contemporánea, e foi nese momento cando puiden acceder ao seu interior para visitar a exposición Imaxinando Futuros.

Foi un deses momentos difíciles de esquecer, porque me permitiu pasear con toda a calma do mundo entre obras de grandes artistas contemporáneos instaladas ao longo de todo o esqueleto da antiga central térmica, que exhibía, sen vergoña ningunha, o seu xigantesco e algo fantasmagórico interior, no que aínda seguía instalado o poderoso guindastre que no pasado se movía polo altísimo teito dunha colosal sala de turbinas.

A visita deste recinto tróuxome á mente en todo momento a antiga central eléctrica de Bankside, á beira do río Támese, na cidade de Londres, que quedou en desuso en 1981 e estivo abandonada até que foi reconvertida en flamante sede da Tate Modern, o magnífico Museo Nacional Británico de Arte Moderna, inaugurado no ano 2000, un lugar que me parece un excelente exemplo de como unha vella ruína industrial pode transformarse nun espazo cargado de futuro.

O edificio actual, considerado un modelo de mellora de zonas degradadas, foi rehabilitado de xeito que se preservou o carácter industrial da súa enorme nave de turbinas e se conservou a súa maxestosa cheminea cadrada, que no momento da construción, no ano 1947, por orde gobernamental, viu a súa altura limitada a noventa e nove metros para que non puidese superar a da cúpula da catedral de Saint Paul, na beira oposta do Támese, que se alza a cento once dende o chan.

Outro lugar redefinido que me causou un impacto máis que grato atopeino nas aforas da cidade de Bordeos, nunha antiga base de submarinos que estivo operativa durante a Segunda Guerra Mundial e foi unha das cinco que construíron os alemáns na costa atlántica francesa durante os anos da ocupación do país.

Trátase dun xigantesco búnker de formigón armado de corenta e dous mil metroscadrados de superficie, equivalentes a seis campos de fútbol, construído no ano 1940 por prisioneiros de moitos países, que ten teitos de sete metros de grosor deseñados para poderen resistir os bombardeos aliados, e no seu interior acolle catro dársenas e sete diques onde até quince submarinos de gran tamaño podían entrar para seren reparados e reabastecidos ao mesmo tempo, ademais dunha longa vía de tren que o percorre de lado a lado, unha chea de almacéns e mesmo unha central eléctrica que estivo en uso até que o día vinte e cinco de agosto de 1944, xusto antes da liberación da cidade de Bordeos, o interior do edificio foi dinamitado e ficou abandonado, á espera dunha posíbel demolición que nunca chegou a se producir.

Cando eu a visitei, a antiga base xa estaba reconvertida en lugar de exposicións, e na actualidade acolle un espazo polivalente de creación e difusión artística coñecido como Les Bassins des Lumières, os Estanques das Luces, onde, entre outras actividades, desenvólvense fascinantes espectáculos de luz e son con abraiantes proxeccións en trescentos sesenta graos sobre as paredes e a auga, unha fermosa iniciativa para recuperar un edificio abandonado e cun pasado un tanto sinistro.

Tamén me parece moi interesante a transformación que experimentou o antigo matadoiro industrial e mercado municipal de gando de Madrid, que ocupaba nada menos que corenta e oito edificios de arquitectura neomudéxar en solares situados na antiga Dehesa de Arganzuela, no actual barrio de Legazpi.
O enorme complexo, que nos anos posteriores á Guerra Civil tamén foi utilizado como desgraciado e vergoñento centro de reclusión de mendigos, foi inaugurado en 1924 e nunca deixou de funcionar, con algúns momentos esporádicos de inactividade, até a súa clausura definitiva no ano 1996 por mor dos problemas de hixiene que xeraba nunha cidade que non paraba de medrar.
E estivo practicamente abandonado, só con algúns dos seus edificios utilizados para albergar diversas dependencias do Concello de Madrid, até que no ano 2007 volveu abriu as súas portas, felizmente transformado no moderno centro cultural de El Matadero, dedicado á arte contemporánea, que contén unha interesante central de deseño, unha sala de teatro, un gran auditorio, unha factoría cultural, unha sala de cinema, unha casa do lector, unha cineteca e unha hemeroteca visual de películas de non ficción, ademais de varios espazos para exposicións, congregado todo nun espazo remodelado con moito acerto, grazas a un deseño arquitectónico interior moi moderno que soubo respectar o pasado industrial do complexo.

Matadero Madrid, interior Xesús Constela

Sempre vin os espazos abandonados como ecos do pasado que parecen estar a agardar unha segunda oportunidade. Por iso, cando son reinventados, non só recobran unha vella utilidade perdida, senón que renacen e acadan novos significados, coma se as súas deterioradas estruturas volvesen respirar de novo, de tal xeito que o que parecía para sempre esquecido pode atopar un novo lugar no presente.