"Marsella, co seu porto animado, as rúas estreitas e as casas brancas que se alzaban en socalcos pola ladeira do monte, parecía unha cidade viva, palpitante, unha cidade de contrastes, onde o vello e o moderno se atopaban en cada recuncho. Ao lonxe, o Mediterráneo estirábase cara ao horizonte, un mar que parecía ofrecer promesas tanto de aventura como de misterio".
Estas palabras non son miñas. Collinas prestadas da novela O Conde de Montecristo, de Alexandre Dumas, que no ano 1844 soubo capturar a esencia de Marsella como a cidade que segue a ser hoxe en día, cálida, vibrante, cosmopolita, cargada de contrastes e fondamente vinculada ao Mediterráneo, e tamén coñeceu de primeira man o seu bulicioso ambiente portuario, que foi clave para retratar de maneira moi vívida o lugar escollido como punto de partida para a traxedia de Edmond Dantès, o protagonista, que pasou dezaseis anos encarcerado no castelo de If, unha fortaleza do século XVI situada nun illote rochoso do pequeno arquipélago de Frioul, fronte á gran bocana do que agora se coñece como Vieux Port, Porto Vello, un lugar que me pareceu magnífico como punto de partida para a miña visita a unha cidade que conseguiu atraparme dende que puxen un pé nela.
O Vieux Port, un dos portos máis antigos de Europa, fundado polos gregos no ano 600 de antes da nosa era, foi o xermolo do que naceu a cidade, ao se converter no epicentro dun florecente comercio marítimo ao longo de moitos séculos, e na actualidade pode considerarse o auténtico corazón de Marsella, xa que as súas ribeiras, cheas de cafés, bares e restaurantes con animadas terrazas, son lugares cun ambiente sempre vivo, digno de calquera dos moitos outros recunchos do Mediterráneo que coñezo.
O Vieux Port tivo tanta relevancia na historia de Marsella, que incluso o Hôtel de Ville, a casa do Concello, un elegante edificio barroco de 1653, foi construído na súa beira norte, xusto no sitio onde comeza o barrio histórico de Le Panier.

A bocana do porto estivo sempre protexida por dous robustos fortes de pedra: o de Saint-Jean e mais o de Saint-Nicolas, construídos no século XVII por orde de Luís XIV, o primeiro para protexer a cidade de inimigos exteriores que puidesen chegar polo mar, e o segundo para ter vixiados e controlados os propios marselleses, cuxo lendario espírito de rebeldía quedou reflectido na canción do compositor militar Rouget de Lisle que acabaría convertida en himno nacional de Francia, La Marseillaise, logo de que no ano 1792 un grupo de cincocentos voluntarios procedentes de Marsella avanzase polas rúas de París para se unir á revolución, ao son dunha melodía cuxa letra animaba á loita pola liberdade fronte a monarquía absoluta de Luís XVI: "Aux armes, citoyens ! Formez vos bataillons", "Ás armas, cidadáns! Formade os vosos batallóns!" O espírito combativo dos marselleses pasaría á historia como símbolo da loita revolucionaria.

Non quixen abandonar o Vieux Port e, dende o Concello, fun camiñando até o Forte de Saint-Jean, con torres de defensa e pasadizos ocultos entre grosos muros de pedra, para gozar dun grato paseo polos seus relaxantes xardíns cunhas vistas inmellorábeis sobre o mar e a cidade.
Foi entón cando descubrín o impresionante edificio do MuCEM, Museo das Civilizacións de Europa e do Mediterráneo, obra do arquitecto Rudy Ricciotti, que está conectado ao forte por unha longa ponte peonil, e foi inaugurado no ano 2013, cando Marsella foi Capital Europea da Cultura. A súa enorme estrutura escura, cuberta por unha sorte de rede de pesca xigante feita con formigón negro que crea no seu interior un espectacular xogo de luces e sombras, fíxome ficar abraiado, e pareceume unha idea magnífica construír ese formidábel edificio contemporáneo á beira da robusta estrutura dun forte do século XVII, polo que me viñeron ao pensamento aquelas palabras que usara Alexandre Dumas para describir Marsella como "unha cidade de contrastes, onde o vello e o moderno se atopaban en cada recuncho".

Dende o MuCeM seguín camiñando polo porto para visitar aCathédrale deLa Major, ou de Saint-Marie-Majeure, unha das máis grandes de Francia, construída case a pé de mar por orde de Napoleón III a finais do século XIX, cunhas preciosas cúpulas brancas e verdes inspiradas nas igrexas orientais e un interior de mosaicos dourados e mármores de moitas cores, e dende alí fun facer un vagaroso percorrido polo barrio histórico de Le Panier, que, coas súas rúas empinadas, cheas de casas de cores moi vivas con contras de madeira e roupa tendida nas fiestras, fíxome pensar que era un fermoso reflexo da alma mediterránea de Marsella.
Pagou a pena a visita porque se trata dun barrio con moita personalidade, cheo de pequenos comercios, obradoiros de artistas, murais pintados polas paredes e cafés con terrazas que lle dan un aquel moi bohemio que convida a pasear e a sentar a tomar algo nunha terraza para ver pasar todo tipo de xente.
En medio de Le Panier visitei o edificio barroco deLa Vieille Charité, un antigo hospicio para pobres do século XVII que ten unhas dimensións tales que na actualidade acolle tres museos de arte e arqueoloxía e un centro cultural, en torno a un gran patio central no que tamén hai unha capela de planta ovalada cunha cúpula moi fermosa.

A visita ao animado barrio de Le Panier, que foi testemuña da vida de Marsella e das diferentes ondadas de inmigrantes que se foron asentando no lugar dende que os gregos fundaron alí a súa colonia de Massalia até os nosos días, serviu para confirmar a miña visión da cidade como un lugar inmensamente mediterráneo, habitado por unha poboación realmente heteroxénea.
Cando cansei de deambular amodo por Le Panier descendín de novo ao Vieux Port para subir a bordo dun barco da que se considera a liña de ferry máis curta do mundo, inaugurada no ano 1880 para conectar en apenas dous minutos de traxecto o peirao onde se atopa o Hôtel de Ville, co da Place aux Huiles, que está xusto na beira oposta, para poder aforrar unha boa camiñada, e dediquei o que me quedaba de día a gozar do magnífico ambiente dunhas animadas terrazas sempre repletas de xente.
Ao día seguinte afasteime do Vieux Port e collín un autobús que me levou ao Palais de Longchamp, un maxestoso edificio neoclásico, construído na segunda metade do século XIX no interior dun fermoso parque para celebrar a chegada á cidade do Canal de Marsella, que, ao longo de oitenta quilómetros, traía a auga dende o río Durance, un afluente do Ródano, e por iso na súa fachada principal de longas escalinatas ten unha gran fonte chea de estatuas de deidades de augas e ríos.

E dende este palacio, que me convidou a un máis que grato paseo polos seus xardíns, fun baixando amodo cara ao Vieux Port pola gran avenida de La Canebiére, para me achegar ao barrio de Noailles, tamén coñecido como o "ventre de Marsella" porque historicamente foi o lugar onde se desenvolvía un gran mercado no que se vendían todo tipo de produtos frescos, especias, carnes, peixes e froitas exóticas, e hoxe en día é o mellor exemplo da enorme diversidade da poboación de Marsella pola forte presenza de comunidades magrebís, africanas e asiáticas, así que botei un longo anaco a me deixar sorprender por un exotismo co que nin remotamente contaba, aínda que debo dicir que o lugar que máis gravado me quedou na mente foi aMaison Empereur, a ferraxería máis antiga de Francia, catalogada dentro do patrimonio histórico e cultural do país, que segue aberta ao público dende o ano 1827 e, malia ser unha tenda aínda en uso, semella un museo vivo porque conserva o mobiliario e a decoración tradicionais, con andeis de madeira escura e vitrinas antigas, en moitas das cales se expoñen artigos de cando foi inaugurada, que me axudaron a descubrir un fermoso mundo de xoguetes infantís e de utensilios e ferramentas que eran de uso cotián nos dous séculos pasados. Unha tenda, sen dúbida, fascinante.

Aproveitei o momento do xantar para visitar o Cours Julien, o epicentro cultural da Marsella máis alternativa, para degustar algo de comida local e gozar da arte urbana e dun ambiente que se me fixo moi acolledor, e dende alí collín un autobús que me levou monte arriba polas empinadas costas que conducen á basílica neobizantina de Notre Dame de la Garde, construída no século XIX sobre o que foi unha antiga fortaleza do XVII, para me deixar agasallar polas impresionantes vistas que ofrece da cidade, do Vieux Port, das illas de Frioul e dun fachendoso Mediterráneo cheo de sol, antes de botar un longo anaco polo interior da basílica para ver as marabillosas maquetas de barcos que colgaban do teito a modo de exvotos depositados no lugar por varias xeracións de mariñeiros como sinal de gratitude por sobreviviren aos perigos do mar.

Gustáronme tanto as vistas que había dende esta basílica que, para rematar a miña visita a Marsella, baixei até a costa na procura dun punto que me permitise contemplar o Mediterráneo en todo o seu esplendor, e atopeino nuns xardíns que hai en torno ao Palais du Faro, un edificio histórico do século XIX, que me ofreceron unha perspectiva única de toda a costa, da cidade e, sobre todo, do Vieux Port, polo que decidín deixar que a miña imaxinación se deixase atrapar pola beleza do entorno, até case chegar a ver ao conde de Montecristo a me saudar coa man a través dunhas das angostas fiestras do castelo de If.
Abandonei Marsella logo de sentar con toda a calma do mundo nunha terraza do Vieux Port para degustar unha deliciosabouillabaisse, a famosa sopa de peixe cociñada con especias, unhas panisses, exquisitas tiras crocantes de fariña de garavanzo fritida, acompañadas dunha salsa de tomate picante e unha deliciosa sobremesa a base de navettes, uns biscoitos de flor de laranxeira que fixeron que nunca puidese esquecer o moito que me gustou a cidade.
Xesús Constela, 2025

Barrio de Le Panier

Barrio de Le Panier

Barrio de Noailles

Catedral de la Major

Cours Julien

Cours Julien

Forte de Saint

Forte de Saint Jean e MuCem

Hôtel de Ville

Maison Empereur

MuCem, detalle da fachada

MuCem

Notre Dame de la Garde

Notre Dame de la Garde

Notre Dame de la Garde, interior

Notre Dame de la Garde, interior

Palais de Longchamp

Palais de Longchamp

Palais de Longchamp

Palais du Faro

Vieille Charité, interior e capela

Vieille Charité, interior e capela

Vieille Charité, interior e capela

Vieux Port

Vieux Port

Vieux Port, peixeiros

Vieux Port, vendedores de globos

Vista da cidade coas illas de Frioul

Barrio de Le Panier

Barrio de Le Panier

Barrio de Noailles

Catedral de la Major

Cours Julien

Cours Julien

Forte de Saint

Forte de Saint Jean e MuCem

Hôtel de Ville

Maison Empereur

MuCem, detalle da fachada

MuCem

Notre Dame de la Garde

Notre Dame de la Garde

Notre Dame de la Garde, interior

Notre Dame de la Garde, interior

Palais de Longchamp

Palais de Longchamp

Palais de Longchamp

Palais du Faro

Vieille Charité, interior e capela

Vieille Charité, interior e capela

Vieille Charité, interior e capela

Vieux Port

Vieux Port

Vieux Port, peixeiros

Vieux Port, vendedores de globos

Vista da cidade coas illas de Frioul