Retallos de mundo: Michamwi, Zanzíbar, praias para o cultivo de algas

Poio
10 de maio 2026

O escritor Xesús Constela achéganos a Michamwi, unha península pouco turística da illa de Unguja, que destaca polo seu carácter tradicional, polas praias espectaculares e polos cultivos de algas mariñas

Aldea en Michamwi
Aldea en Michamwi / Xesús Constela

Na costa oriental da illa de Unguja, a máis grande do arquipélago de Zanzíbar, a uns dez quilómetros das pequenas aldeas costeiras de Paje e Buejuu, bordeada por enormes praias de area branca con augas de abraiante cor turquesa e, por sorte, afastada das zonas máis turísticas, polo que conserva unha animada vida popular xa desaparecida noutros territorios, hai unha península moi estreita e de apenas dez quilómetros de lonxitude, que separa as augas do océano Índico das da zona de mangleirais da baía de Chwaka, e ten un carácter tan propio e un ambiente tan relaxado, marcado pola inalterábel cotiandade das comunidades que a habitan, que decidín tomala como base dende a que comezar a miña exploración do resto de Zanzíbar.

Esa península é Michamwi, un deses lugares que parecen feitos para desconectar do mundo sen esforzo, grazas ás longuísimas praias de Kae e Pingwe, entre outras, que me agasallaron cuns solpores espectaculares en medio dunha paisaxe única, aínda que moi delicada, chea de arrecifes coralinos, extensas pradarías mariñas e zonas intermareais que resultan perfectas para o cultivo de algas, unha das bases fundamentais da economía dunhas pequenas comunidades rurais e moi tradicionais, que viven, ou sobreviven, grazas ao mar e á agricultura.

Aldea en Michamwi
Aldea en MichamwiXesús Constela

A pequena península, hoxe en día unha das zonas con menos recursos de Zanzíbar, arquipélago xa de por si bastante empobrecido, contrasta co esplendor que viviu entre os séculos IX e XV, cando formaba parte dunha intensa rede de intercambio comercial entre África, Arabia, Persia e a India, á que máis tarde se incorporaría Europa, moi interesada no marfil, as especias, o ouro, os tecidos e, por desgraza, tamén os escravos, que foron traídos a milleiros por traficantes desde o interior do continente africano para embarcalos como animais en cargueiros con quen sabe cantos vergoñentos destinos ao longo do mundo.

No século X os árabes e os persas levaron a esas costas o islam, unha relixión que arraigou tan axiña que as aldeas costeiras non tardaron en adoptar uns costumes que se mesturaron coa súa cultura bantú, dando lugar a unha identidade propia que aínda hoxe define a rexión e provocou que toda a costa estea salpicada de pequenas mesquitas construídas de pedra coralina, extraída dos arrecifes próximos e traballada conforme a antigas técnicas artesanais, con paredes revocadas con barro mesturado con cal, que axuda a protexelas da humidade e da intensa calor do clima tropical, e con tellados de palma ou follas de coco que permiten a ventilación e resisten razoabelmente as intensas chuvias das estacións húmidas, os mesmos materiais que se usan na arquitectura popular do lugar, humilde, funcional e profundamente integrada na paisaxe, con casas dunha soa planta e ventás moi pequenas que transmiten unha estética sinxela e sen ornamentacións, onde o máis importante é a adaptación ao vento e ao clima costeiro nunha rexión onde o mar non é só paisaxe, senón ritmo vital.

Homes a camiñar pola praia de Pingwe
Homes a camiñar pola praia de PingweXesús Constela

En Michamwi a vida cotiá desenvólvese na praia, un territorio semellante a unha inmensa praza pública que funciona como punto de encontro de todas as xeracións, e por iso, cada vez que visitaba o lugar, non me resultaba difícil cruzarme con homes e mulleres ocupados en tarefas de todo tipo, desde o pastoreo de vacas, cousa ben curiosa, abofé, até diversas actividades relacionadas co mar ou coa conservación dos dhow, os barcos tradicionais de herdanza árabe, con casco de madeira de deseño sinxelo, e con vela triangular suxeita a un mastro longo e inclinado, que representan a longa tradición mariñeira de Zanzíbar e reflicten moi ben a historia da navegación no océano Índico.

Tamén me cruzaba con vellos e vellas que simplemente sentaran ao sol para observar o traballo das xeracións máis novas e, como non podía ser doutra maneira nun país orgulloso da súa poboación tan nova, varios grupos de adolescentes a xogar ao fútbol a pé de mar e un bo número de nenos e nenas que enchían o ambiente de risas mentres xogaban con pequenas lanchiñas de madeira ou con calquera outro obxecto susceptíbel de se converter en xoguete unha vez rematado o horario escolar.

Nenos a xogar na beiramar
Nenos a xogar na beiramarXesús Constela

Pero, sen ningún xénero de dúbida, a actividade que máis me sorprendeu de todo o que vin foi a que presenciei na praia de Michamvi Kae, a máis intimamente ligada á economía mariñeira da península, porque alí, dende finais dos anos oitenta e comezos dos noventa do século XX, púxose en marcha o cultivo de algas, impulsado inicialmente por proxectos de cooperación internacional e por institucións locais a prol de ofrecer unha nova fonte de ingresos ás comunidades costeiras, especialmente ás mulleres, que son quen desenvolven un labor que se converteu nunha das bases económicas de moitas aldeas da costa.

Moi interesado por aquel traballo que nunca vira, comecei a me preguntar se podería atopar alguén que falase algo máis que suahili para me poder informar sobre unha actividade que me pareceu realmente dura, e non tardei en atopar algunhas respostas ás miñas preguntas.

Muller somerxida na auga a cultivar algas
Muller somerxida na auga a cultivar algasXesús Constela

O cultivo de algas realízase mediante un sistema artesanal e moi laborioso para o que se empregan cordas suxeitas a estacas fincadas na area, ás que se atan unhas algas vermellas coñecidas como musgos mariños, que son moi resistentes ás correntes e, polo visto, son as ideais para a extracción dunha materia prima que despois será transformada industrialmente en carraxenina, un espesante natural empregado nas industrias cosmética e alimentaria para mellorar a textura de produtos tan dispares como iogures ou xeles de baño, entre moitos outros.

As algas adheridas ás cordas medran sen cesar durante arredor de oito semanas antes de poderen ser colleitadas de xeito manual, para deseguido metelas en grandes sacos para levalas á area seca, onde fican colgadas en cordas e expostas ao sol para o seu secado, antes de seren vendidas a compradores locais que cada certo tempo pasan polas praias coas súas camionetas para recoller a mercancía.

Algas colgadas a secar ao sol
Algas colgadas a secar ao solXesús Constela

O cultivo destes musgos mariños pareceume un traballo dunha dureza extrema, porque para as mulleres que o levan a cabo, de idades que van dende os vinte aos sesenta anos, supón pasar demasiadas horas diarias co corpo somerxido nas augas rasas das praias de Michamwi.

Aínda que a auga non estea fría, máis ben ao contrario, a humidade e a exposición prolongada ao intenso sol tropical provocan un desgaste físico importante, que se traduce con frecuencia en problemas musculares e de pel, ademais de picaduras ou feridas causadas por animais mariños como ourizos, pequenos peixes ou medusas. Calcúlase que en todo Zanzíbar, sen que existan datos oficiais ao respecto, hai arredor de vinte e cinco mil mulleres que se dedican a este traballo tan duro, tan ingrato e tan mal pagado.

Pero o que máis me intrigaba era o destino final desas moreas de sacos cargados de algas secadas ao sol que os intermediarios levaban nas súas camionetas en cantidades bastante grandes e polos que pagaban ás mulleres a mísera cantidade de mil trescentos xilins tanzanos, equivalentes a menos de cincuenta céntimos de euro por quilogramo, que resultan insuficientes mesmo para un produto tan básico como o pan.

Muller a carrexar as algas colleitadas
Muller a carrexar as algas colleitadasXesús Constela

Contáronme que dende a praia os sacos son transportados diariamente a depósitos situados na cidade de Stone Town, a capital, e ligados a empresas que seleccionan, empaquetan e preparan as algas para a súa exportación en barco cara á India, Indonesia, China e Europa, onde chegan a venderse a prezos entre cincuenta e cen veces maiores aos pagados ás mulleres que cultivaron e colleitaron a mercancía.

Mentres as algas se exportan como materia prima de escaso valor engadido, o principal beneficio económico xérase lonxe de alí e regresa polo mesmo océano transformado en alimentos procesados ou produtos farmacéuticos, que revelan as profundas desigualdades do comercio global.

A paisaxe de Michamwi, un espazo de grande horizontalidade, dominado por longas extensións de area clara que mudan de aspecto segundo o movemento das mareas, que alí teñen a singularidade de producirse catro veces diarias, con dúas baixamares e dúas preamares, ofrece un forte contraste co traballo tan duro que realizan as mulleres que se dedican ao cultivo de algas nunha costa protexida por barreiras de arrecifes que fan que as augas da zona intermareal sexan xeralmente calmas.

Cando as mareas baixan, o océano recúa e deixa á vista grandes superficies de area húmida e pequenas lagoas naturais que reflicten a luz tropical cunha cor turquesa moi suave durante as horas da mañá e de tonalidades que van cobrando máis intensidade a medida que avanza o día.

Non é unha paisaxe marcada por grandes accidentes xeográficos, senón por unha sensación de apertura case absoluta cara as augas do océano Índico. O vento constante, o salitre e a simplicidade visual do horizonte crean un ambiente silencioso e moi tranquilo, onde a beleza reside nunha calma que contrasta de xeito moi abrupto coa dureza física e coa intensidade do traballo humano que se desenvolve sobre a mesma area que o mar cobre e descobre cada día.

©Xesús Constela, 2026