O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presentou o informe de Cultura do Observatorio de Competitividade-Provincia Extraordinaria, no que destacou especialmente o impacto económico dos Rías Baixas Fest, que ascende a máis de 23 millóns de euros.
"Levamos dous anos promovendo a dinamización cultural como nunca antes se fixera", subliñou López durante a presentación do documento, na que recordou o investimento de 8 millóns de euros realizado neste período e a aposta por achegar as manifestacións culturais a todos os concellos da provincia.
O presidente provincial fixo especial fincapé na recuperación de disciplinas como as artes escénicas, que segundo as súas palabras foron "abandonadas polo anterior goberno".
López defendeu a vontade de "converter á Deputación no gran motor da cultura da provincia" e de apostar "por ela, sempre da man do propio sector, atendendo as súas demandas".
O informe sitúa á cultura como "un dos grandes motores económicos da provincia", cun sector que xera máis de 1.200 postos de traballo, conta con máis de 500 empresas vinculadas e rexistra uns ingresos de explotación de 146 millóns de euros.
O documento destaca que o sector cultural provincial é "un ecosistema diverso, activo e moi enraizado no territorio, que combina tradición, creatividade, identidade e dinamismo".
Entre os exemplos máis relevantes, López mencionou as festas que poñen en valor as tradicións populares, o Museo de Pontevedra, que recibiu o pasado ano máis de 145.000 visitas, e os xa citados Rías Baixas Fest.
O informe recolle tamén o papel fundamental que xoga a Deputación no panorama cultural provincial, destacando a promoción dunha ampla rede de proxectos culturais como +Escénicas, a aposta polo audiovisual da provincia, o impulso á dixitalización do patrimonio con proxectos como a dixitalización do Museo de Pontevedra con máis de 25.000 pezas, ou as experiencias dixitais nos castelos de Soutomaior e Sobroso.
Entre os principais retos identificados no documento figuran a descentralización cultural, a dixitalización do patrimonio, a sustentabilidade, a conexión con novos públicos e o impulso do turismo cultural. Como oportunidades, o informe sinala a necesidade de impulsar unha rede cultural territorial entre os concellos e aproveitar as tecnoloxías emerxentes para modernizar o patrimonio.