A Praza da Ferrería de Pontevedra converteuse nun auténtico templo do blues este mércores 7 de agosto coa actuación de Rick Estrin & The Nightcats no marco do Festival Internacional de Jazz e Blues.
O concerto, que comezou ás 22:30 h, foi o terceiro deste evento, e congregou a un público entregado ao son enérxico da banda estadounidense.
Rick Estrin, acompañado polo virtuosismo do guitarrista Kid Andersen, o sólido baixo de Lorenzo Farrell e a potente batería de Derrick "D'Mar" Martin, levou aos presentes a unha viaxe musical que combinou o respecto pola tradición do blues coas notas innovadoras que caracterizan o grupo.
A harmónica de Estrin, arraigada na herdanza dos mestres do blues, enchía a praza cunha forza sorprendente.
A banda, formada en 2008, demostrou por que é considerada unha das mellores formacións de blues eléctrico da actualidade.
Con éxitos como The Blues Ain't Going Nowhere, que lles valeu o premio á mellor “Canción do Ano” nos Blues Music Awards de 2017, e co seu álbum Groovin' in Greaseland, Rick Estrin & The Nightcats ofreceu unha noite de música intensa.
A súa actuación na Praza da Ferrería forma parte da xira europea que os trouxo este ano ás Rías Baixas.
O Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra continúa este xoves 8 de agosto cun concerto de Jeff Cascaro e o venres 9 co esperado Richard Bona Trío, ambos ás 22:30 horas con entrada libre.