O Río Verbena Fest xa é un festival consolidado na Boa Vila tras tres edicións e acaba de anunciar datas para a súa cuarta entrega. Será os días 22 e 23 de agosto de 2025 na explanada do recinto feiral.
A organización do evento anuncia as datas e tamén avanza que este próximo luns, 3 de marzo, dará a coñecer o cartel desta cuarta edición.
Dous días despois, o mércores 5 de marzo, porán á venda as entradas para as persoas interesadas en gozar desta cita coa música en Pontevedra.
A terceira edición do Río Verbena Fest resultou un "éxito rotundo", consolidándose como unha "cita imprescindible" no calendario festivo pontevedrés e galego. Segundo as cifras difundidas pola organización, un total de 19.000 persoas asistiron ao festival, esgotando as entradas e abonos.
Estas cifras confirman que é xa unha cita ineludible no calendario festivalero e, ademais, a organización destaca o impacto na economía de Pontevedra durante o fin de semana de concertos. En 2024 estimouse en case 5 millóns de euros, cun gasto media de 250 euros por asistente.
Para os organizadores, Esmerarte Industrias Creativas e A Gramola, a "impresionante" afluencia da edición 2024 non só reafirma ao Río Verbena Fest como un festival destacado no calendario galego, senón que tamén sitúa a Pontevedra como "un destino crave na axenda musical nacional".
Durante 2 días de 2024, 20 artistas, tanto consagrados como emerxentes, nacionais e locais, levaron a súa música aos dous escenarios principais do festival: Dani Fernández, Viva Suecia, Mikel Erentxun, Siloé, Vicco, Michenlo, Four Passengers, Son Das Tabernas, Joana Romeu, Amaral, Lori Meyers, Os Zigarros e Baiuca, xunto a Sarria, Alcalá Norte, Mamasunción, Nebulossa, Black Stones e Law.