Sete anos despois do seu adeus, Riot Propaganda regresa aos escenarios en 2025. E como non podía ser doutro xeito, o Revenidas tiña que ser un dos seus destinos.
A mítica banda de rapcore, resultante da fusión de Los Chikos del Maíz e Habeas Corpus, ofrecerá neste festival arousán o seu único concerto en Galicia e un dos únicos dez que vai realizar en todo o territorio español.
Ademais deles, o primeiro avance do cartel do Revenidas, que se celebrará en Vilaxoán do 11 ao 14 de setembro, inclúe, fiel a súa esencia, propostas internacionais como os bosnios Dubioza Kolektiv, as suecas The Baboon Show e as neozelandesas Dick Move.
Ademais, ao festival chegaránfiguras emerxentes da escena estatal como a rapeira madrileña Bewis de la Rosa e, por suposto, unha destacada representación da música galega que, de momento, queda composta en Sés, Heredeiros da Crus e Hugo Guezeta.
Este primeiro avance do cartel reflicte tamén o compromiso do Revenidas coa paridade de xénero, coa presenza de artistas como Sés ou Bewis de la Rosa e bandas con destacadas presenzas femininas na súa formación, como The Baboon Show e Dick Move.

Os abonos para Revenidas 2025 están á venda na páxina web www.revenidas.com a un prezo de 65 euros, máis gastos de xestión.
As persoas que merquen o abono tamén poderán reservar o acceso á acampada, que no seu caso ten un importe de 10 ou de 15 euros.