Rosemary revive o palco da Alameda coa súa música

Pontevedra
04 de maio 2018

"Sube ao Palco" comeza este xoves 3 de maio ás 20:30 horas coa actuación de Rosemary. Todos os xoves de maio e xuño, artistas de múltiples ámbitos da arte terán a oportunidade de volver encher de vida o antigo palco de música da Alameda.

Actuación de Rosemary no ciclo "Sube ao Palco"
Actuación de Rosemary no ciclo "Sube ao Palco" / Sara López Lago

Este xoves 3 de maio ás 20:30 tivo lugar o concerto de Rosemary, o proxecto musical en solitario de Marián Romero. Esta estudante de Publicidade e Relacións Públicas no campus de Pontevedra, foi a encargada de inaugurar o ciclo de actividades do proxecto "Sube ao Palco". Voz e guitarra inundaron de música a Gran Vía de Montero Ríos.

O público gozou de case unha hora de actuación con temas propios e versións de cancións máis coñecidas, nas que mesturou estilos coma o soul, R&B, gospel e blues.

Esta iniciativa da Concellería de Cultura pretende dinamizar e dar unha nova vida ao palco de música da Alameda e, ao mesmo tempo, visibilizar o talento artístico da xuventude pontevedresa.

Todos os xoves dos meses de maio e xuño (agás o 17 de maio, festividade das Letras Galegas, e o 6 de xuño, que será mércores) o quiosco acollerá doce propostas de mozos de entre 12 e 35 anos que se presentaron ao concurso. O teatro, a música, a pintura e o cine encherán de vida este espazo, que volverá ser un foco da arte pontevedresa.