Sabela, Sobrezero e Kike Varela pechan o cartel dun SonRías Baixas que arrancará co seu 'reencontro' con La Raíz

Bueu
22 de xullo 2025
Actualizado: 14:52

A edición número 22 do festival, entre o 31 de xullo e o 3 de agosto, inclúe unha trintena de nomes que constitúen unha programación variada, reflexo da enorme heteroxeneidade que prima na música

Festival SonRías Baixas Ainhoa Lucirica

En apenas dúas semanas, Bueu acollerá unha nova edición do seu festival más emblemático. Volve o SonRías Baixas, que se celebrará entre o xoves 31 de xullo e o domingo 3 de agosto. E para prepararse, a organización vén de desvelar os horarios para todos os seus concertos.

Iso si, antes anunciou a incorporación de tres últimos artistas ao seu cartel. Trátase da banda madrileña de pop rock Sobrezero, a galega Sabela coa súa proposta de pop electrónico e Kike Varela DJ, un dos produtores de música electrónica máis importantes de Galicia. 

A edición número 22 do festival inclúe unha trintena de nomes que constitúen unha programación variada, reflexo da enorme heteroxeneidade que prima na música hoxe en día.

O SonRías Baixas arrancará o xoves con La Raíz, que volven aos escenarios tras facer un parón en 2018 e como parte da súa 'Gira Reencuentro' e coa que celebran os seus vinte anos cumprindo esa promesa coa que anunciaron o seu parón, "Nos volveremos a ver".

O resto da xornada completarana Canteca de Macao, que celebrarán o vinte aniversario de Cachai?Muyayo Rif, que presentará o disco Megalithic; e Baiuca, co seu selo persoal que mestura vangarda e a electrónica coa reivindicación do folclore e a música tradicional galega.

Sen Senra será un dos pratos fortes do venres, mostrando a súa fusión dun son internacional urbano con influencias americanas e a súa esencia vangardista e intimista; xunto a Carolina Durante, toda unha banda xeneracional que chega con novo disco, Elige tu propia aventura.

shego e Cariño tamén descargarán as súas guitarras neste segundo día con No lo volveré a hacer e Tanto por decir, os seus novos discos; e a elas sumaranse Grande Amore, o cantautor Luis Fercán e a banda Melifluo, proxecto que comparten Juanca e Jaime de Supersubmarina.

O sábado estrearase no SonRías Baixas Alizzz, produtor para C. Tangana ou Rosalía, que presentará os seus álbums, Conducción temeraria e Tiene que haber algo más; ou Judeline, que fusiona a súa voz persoal con composicións que mesturan pop, flamenco e electrónica.

Aquí y ahora, o novo disco techno e electrónico de Delaporte, tamén soará en Bueu para completar a oferta musical dun sábado no que haberá tempo para Maestro Espada, a fusión de rock con R&B, funk e folk de Griso e o indie electrónico dos galegos Capital Voskov.

A tradicional sesión vermú tamén terá lugar, como en pasadas edicións, nesta xornada do sábado e estará protagonizada por dous artistas da terra que ambientarán o recinto de As Lagoas desde o mediodía: a 'máquina del buen rollo' de The Rapants e Sabela.

Xa desvelado que este ano o festival esténdese un día máis, a xornada do domingo recibirá no seu último día ao que é, sen dúbida, un dos artistas máis importantes da escena española, Dani Fernández, que encabezará a programación presentando o seu disco La Jauría.

Xunto a el estarán Carlos Ares, que chega a Bueu co seu álbum debut, Peregrino; Niña Polaca, xa convertidos en clásico do indie nacional; Nena Daconte, unha das voces máis recoñecibles do pop nacional; ou o pop enérxico do dúo Marlena e de Pipiolas.  

Para pechar o festival estará NDLR cun set que conseguirá, como xa fixo hai dous anos, manter a todos os asistentes cheos de enerxía ata o peche desta nova edición que promete ofrecernos, un ano máis, grandísimos momentos para o recordo.  

Horarios do festival SonRías Baixas 2025SonRías Baixas