O Salón rende unha emotiva homenaxe a Carlos Taboada, ‘Charli’

Pontevedra
11 de marzo 2026
Actualizado: 13:20

A organización decidiu dedicar a Charli un dos espazos máis queridos do Salón, que pasará a levar o nome da súa obra A Biblioteca de Pedrarcana

Homenaxe do Salón do Libro a Carlos Taboada, ‘Charli’
Homenaxe do Salón do Libro a Carlos Taboada, ‘Charli’ / Salón do Libro

O Salón do Libro acolleu este martes un acto multitudinario de homenaxe ao escritor e ilustrador Carlos Taboada, 'Charli', quen durante anos estivo moi ligado ao evento tanto polo seu traballo en Polo Correo do Vento como pola súa presenza como pai.

A celebración comezou cun momento musical protagonizado por Marcelo Dobode e Antón Ke, integrantes do Colectivo Xurelo, que interpretaron a coñecida canción de Polo Correo do Vento: "Viaxando polo correo do vento, vou voando, debuxando e aprendendo".

A continuación tomou a palabra o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, quen iniciou a súa intervención lembrando "a todas as persoas que fixeron e fan posible o Salón, achegando a súa ilusión e enerxía".

O edil tivo tamén palabras de recordo para quen xa non están, mencionando a Mercedes Vázquez, María Paz, Marcos López, o Hematocrítico e, de maneira especial, a Carlos Taboada.

Durante o seu discurso, Gómez repasou a traxectoria de Charli no Salón e a súa participación nas actividades de narración e ilustración xunto a Kike Mauricio.

Segundo explicou, desde a edición 12+1 do evento ambos levaron ao público historias, debuxos e cancións vinculadas ao proxecto Polo Correo do Vento, adaptando cada ano os contos á temática do Salón e ao país convidado. 

O concelleiro tamén subliñou a dimensión máis persoal da súa presenza no evento, lembrando que Charli non só acudía como creador, senón tamén como pai.

Así, evocou as horas que pasaba co seu fillo entre os coxíns da zona de lectura, descubrindo libros xuntos, ou asistindo con Joana a contacontos, concertos e outras actividades.

O acto concluíu co anuncio dunha iniciativa simbólica para manter viva a súa memoria.

A organización decidiu dedicar a Charli un dos espazos máis queridos do Salón, que pasará a levar o nome da súa obra A Biblioteca de Pedrarcana, definida como "un canto de amor ao libro e á lectura".

"Comprometido, agarimoso e xeneroso. Así lembramos nós a Charli, e así quedará a súa imaxe, imborrable, neste salón para sempre", concluíu Gómez.