Rodeado de mate, "alfajores" e empanadillas. Así anunciou este venres o edil de cultura, Demetrio Gómez, que Arxentina será o país convidado da edición número 28 do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra.
Non foi esta a única novidade que avanzaron os seus responsables para esta nova edición, que terá lugar entre o 26 de febreiro e o 14 de marzo de 2027. E é que tamén se desvelou a temática elixida para esta ocasión.
O evento terá como lema 'De Pontevedra á Lúa. Un universo de libros', o que segundo Gómez permitirá tratar diferentes perspectivas, entre elas as eclipses, a observación astronómica, a literatura e a ciencia ficción ou a exploración espacial.
Así o acordaron as integrantes do grupo de traballo do Salón do Libro, no que participaron a súa dirección, representantes das empresas colaboradoras e, por primeira vez, profesoras de Infantil e Primaria de diversos colexios públicos.
Fíxoo, ademais, tras ter en conta as suxestións que os centros educativos trasladaron a través das enquisas realizadas tras a última edición do Salón.

Este grupo de traballo entendía que, tras dous anos centrados no cine e a música, era necesario romper coa temática das artes escénicas, apostando así polo espazo.
A premura en dar a coñecer estes detalles, segundo o concelleiro de cultura, débese a que os colexios "teñen que empezar a traballar" para definir as súas propostas.
Respecto do país elixido como invitado, o edil quixo relacionalo co tema sobre o que virará o Salón do Libro porque "cando galegas e galegos emigrabamos a Arxentina era unha viaxe como as que fan agora á lúa".
"Había que preparalas con moitísimo tempo e, case case, eran para sempre", engadiu Demetrio Gómez, que lembrou que Bos Aires chegou a ser durante a posguerra a cidade con máis falantes de galego do mundo.
Xa centrado na propia literatura infantil e xuvenil que se fai en Arxentina, destacou que se trata dunha cultura "excepcional", especialmente entre ilustradores e narradores, como demostra o seu éxito no Premio Hans Christian Andersen.