Samieira convértese en escenario de 'Bandolero' dos artistas locais Marko Otero, Sito Flores e Maek

Poio
30 de abril 2024

Dirixido por Marko Otero, tamén veciño de Samieira, e producido por Álvaro Arosa durante os últimos días realizábase a gravación do vídeo-clip, que recolle a Ruta dos Muíños e a contorna do campo de fútbol. O traballo ambiéntase no século XIX, época onde os bandoleiros roubaban nas zonas máis despoboadas. Esta produción vai presentarse a festivais audiovisuais e forma parte dun traballo de fin de grao da Universidade de Vigo

Rodaxe de 'Bandolero' en Samieira
Rodaxe de 'Bandolero' en Samieira / Álvaro Arosa

Durante dous días, Samieira convertíase no escenario dun vídeo-clip de tres artistas locais, os músicos Sito Flores e Maek, ademais do director Marko Otero. Os tres son residentes nesta parroquia do municipio de Poio.

Esta rodaxe forma parte do traballo de Fin de Grao do propio Marko Otero e de Álvaro Arousa, produtor do vídeo-clip, estudantes no campus universitario de Pontevedra.

A gravación levaba a cabo na Ruta dos Muíños e na contorna do campo de fútbol.

Baixo o título de 'Bandolero', a parroquia trasladouse á época do século XIX cando os asaltantes se agochaban en zonas pouco poboadas. 

A directora de arte para esta obra foi Lucía Freire e Elena Álvarez encargábase do vestiario de época. Clara Docio foi a axudante de dirección, mentres que Araceli Carragal e Marta Martínez encargáronse da axuda en produción. Yanira Omil realizou funcións de foto fixa; Nacho Trota operou como auxiliar de cámara; Carmen Maciñeiras realizou o traballo de maquillaxe e salón de peiteado, mentres que Adrián Porima exerceu de gaffer de iluminación.

O papel do protagonista correu a cargo de Héctor González, un actor de Ourense con gran experiencia no campo audiovisual. O elenco complétano Daniel Fariña e Adrián Outeda, ademais de actores secundarios e unha quincena de figurantes da comarca.

A historia narra a vida dun home novo que, tras perder á súa muller, sofre o peso da soidade, circunstancia que o leva a converterse en bandoleiro. 

A intención dos creadores deste traballo é presentalo a festivais audiovisuais antes de realizar unha presentación oficial en público.