Sanamedio, Cela e Meiro acollerán diversos actos con motivo da celebración do Día das Letras Galegas

Bueu
09 de maio 2019

O Concello de Bueu quere dar un paso adiante na organización de actividades que leven a cultura a diferentes puntos do rural. Cinco colectivos participan na organización dos eventos que combinan as intervencións de persoas de distintas xeracións

Presentación en Bueu da programación con motivo do Día das Letras Galegas
Presentación en Bueu da programación con motivo do Día das Letras Galegas / Concello de Bueu

Xosé Leal, concelleiro de Cultura, presentaba este mércores a programación prevista para celebrar as Letras Galegas e a figura de Antón Fraguas este ano. Nesta ocasión, o Concello de Bueu quere dar protagonismo a lugares do rural como Sanamedio (Beluso), Cela e Meiro. 

Na presentación estaban presentes integrantes de todos os colectivos que van formar parte dos eventos como a Asociación Cultural de Sanamedio, a Asociación Cultural Costumes de Cela, o grupo Pais de San Roque, a Comisión de Festas de Cela e aa Asociación Veciñal de Meiro.

SANAMEDIO

Vai celebrarse a Romaría de Sanamedio, na parroquia de Beluso, con múltiples propostas a favor da lingua e da cultura galega. Guillerme Ignacio Costa, investigador da tradición, será o encargado de ler o pregón.  Actuarán o grupo folclórico Meiramar Axóuxeres (Moaña), o grupo de danzas Pais de San Roque (Cangas), o grupo de gaitas Os Liboreiros (Bueu), o grupo Retrouso (Bueu), a A.C.D Xuntanza de Randufe (Tui), as pandereteiras As Falcatrueiras (Cangas) e Os Mulos (Bueu).

Ás 13.30 horas farase unha lectura pública da biografía de Antón Fraguas e doutros autores. Tamén haberá xogos populares. A partir das 15.45 horas, o grupo Polo Correo do Vento ofrecerá unha sesión de animación infantil, que terá continuidade con actuacións musicais.

CELA

Nesta parroquia vai organizarse o 16 de maio ás 21.30 horas o 'Sons no Eirado' coa potenciación da cultura e da tradición musical galega. Ás 23 horas, actuará a banda Xangai.

O 17 de maio, a Asociación Cultural Costumes de Cela organiza no Adro de Cela ás 17.00 horas o acto de entrega dos premios do 1º Concurso de Microrrelatos e do certame de debuxos para escolares de primaria. 

MEIRO

A Axencia de Lectura de Meiro acolle o 14 de maio ás 20.00 horas un coloquio de Daniel Asorey. O 18 de maio continuarán as actividades co recital poético que comezará ás 12.00 horas e contará coa intervención de Miriam Ferradáns, Ismael Ramos, Neves González e Luis Chapela.

Por último, o 25 de maio, a editora Malores Villanueva presenta o libro 'Antonio Fraguas. Mestre da Memoria'. O acto vai desenvolverse ás 12.00 horas no salón de plenos do edificio do Concello.