O convento de Santa Clara volverá abrir as súas portas ao público nas próximas semanas da man da Deputación de Pontevedra, que acaba de programar cinco novas visitas guiadas.
Serán os domingos 17, 24 e 31 de maio e 7 e 14 de xuño.
Cada percorrido contará con 20 prazas e desenvolverase ás 12.00 horas.
As persoas interesadas deberán reservar previamente a súa participación a través da web do Museo de Pontevedra.
A inscrición abrirase este xoves 14 ás 9.00 horas e será totalmente gratuíta.
A iniciativa enmárcase na programación especial organizada polo Museo de Pontevedra con motivo do Día Internacional dos Museos, unha cita cultural que se celebra cada 18 de maio en todo o mundo.
As visitas permitirán coñecer de preto a historia dun dos espazos patrimoniais máis emblemáticos da cidade mentres se percorren diferentes dependencias do antigo convento, como a igrexa, o coro baixo, a sancristía e parte da horta.
O itinerario, guiado polo equipo de Educación do museo, terá unha duración aproximada dunha hora.
A organización aclara que nesta ocasión non se accederá ás antigas dependencias conventuais, ao xardín do claustro nin ás zonas da horta nas que se están a realizar catas arqueolóxicas.
Fundado a finais do século XIII, o Convento de Santa Clara ocupa máis de 12.000 metros cadrados no corazón de Pontevedra e foi residencia das monxas clarisas ata o ano 2017.
O inmoble foi adquirido polo Concello en 2021 e, dous anos despois, pasou a mans da Deputación de Pontevedra para converterse na sétima sede do Museo de Pontevedra.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.