Sanxenxo e Afundación ofrecen unha homenaxe ao mar, a pé de rúa e a través de fotografías

Sanxenxo
22 de xullo 2020

A praza dos Barcos de Sanxenxo é desde este mércores 22 e ata o 9 de agosto un emprazamento expositivo ao aire libre coa exposición fotográfica de Philippe  Plisson 'Vivir o mar' 

Presentación da exposición 'Vivir o mar' na Praza dos Barcos de Sanxenxo
Presentación da exposición 'Vivir o mar' na Praza dos Barcos de Sanxenxo / Afundación

A praza dos Barcos de Sanxenxo é desde este mércores 22 e ata o 9 de agosto un emprazamento expositivo ao aire libre. O Concello, Afundación e Lunwerg Editores colaboran para ofrecer a exposición fotográfica de Philippe Plisson 'Vivir o mar' que aúna unha serie de imaxes mariñas de todas as latitudes. Resulta unha homenaxe ao medio mariño e a aquelas persoas que viven do mar.

Na presentación participaban a concelleira de Educación e Cultura de Sanxenxo, Paz Lago; a coordinadora da área de Cultura de Afundación, Marité Cores e o director de Zona Arousa- Salnés de ABANCA, Víctor Moralejo. 

A mostra componse de trinta e cinco paneis con imaxes e textos. Todos eles articulados en varias seccións: as mil caras do mar, acariñando a terra, construíndo o mar, a conquista do mar, desafiando ao mar, gardiáns do mar e a batalla perdida. As fotografías que se expoñen supuxeron a Philippe Plisson vinte e cinco anos de traballo por cincuenta países.

A exposición pertence á campaña #ComprométomeA da Obra Social de ABANCA, que combina diversas iniciativas de carácter ambiental, cultural e formativo. Neste caso promove a concienciación sobre a importancia dos océanos na vida das persoas e a necesidade de adquirir compromisos concretos co medio ambiente na súa totalidade.