Sarcófagos e pezas do antigo Exipto nunca antes expostos, no Sexto Edificio do Museo

Pontevedra
09 de xullo 2014

Trátase dunha exposición de 132 pezas que, na súa meirande parte, atopábanse gardadas nos almacéns do Museo de Florencia e que, por primeira vez, poden verse publicamente no Sexto Edificio do Msueo dende este xoves 10 ata o 31 de agosto

Exposición 'Da vida á morte no Antigo Exipto' / PontevedraViva
Teresa Bedman, comisaria da exposición 'Da vida á morte no Antigo Exipto', explica o contido da mostra /

O Sexto Edificio do Museo acolle dende este xoves 10 unha exposición sobre o antigo Exipto que contén 132 pezas que resultan atractivas para calquera visitante interesado en obras obtidas en traballos arqueolóxicos e que, en moitos casos, resultan inéditas e nunca antes foron expostas ao público.

A exposición, que leva por título 'Da vida á morte no Antigo Exipto', ten un trazado labiríntico "coma se se tratase da canle do Nilo", tal e como sinala Teresa Bedman, unha das comisarias da exposición, percorre diferentes temáticas da arte exipcia comezando polos deuses e a realeza para introducir o visitante na vida cotiá e no importante labor das mulleres no antigo Exipto.

A mostra péchase cun espectacular espazo dedicado á morte no que se recollen sarcófacos de diferentes dinastías e unha peza nunca exposta, a caixa dun rei na que se recollía material de momificación. Esta caixa é a primeira vez que sae de Italia e o catálogo será un referente para os estudosos ao tratarse dunha peza única no mundo, indicaba Bedman.

Pero ao longo destas obras pódense observar pezas como o ronsel de Ptah Mose, unha peza rara que chegou a Italia a través da colección dos Médici, segundo os comisarios que mostra a un funcionario que viviu o momento da revolución relixiosa. Esta obra arqueolóxica serviu para fundar o Museo Egizio de Florencia, o segundo máis importante de Italia despois do de Turín.

Outras pezas como a dunha muller que elabora cervexa; un grupo familiar no que se recolle o status igualitario entre a muller e o home que existía na civilización exipcia; un fragmento de relevo da tumba de Sethy I, procedente do Val dos Reis; diferentes espellos; xoias ou talles das concubinas dun defunto completan unha exposición que, segundo os organizadores, resulta única en España.

A inauguración da mostra realizarase este xoves ás 20.00 horas no Sexto Edificio do Museo pero previamente o presidente da Deputación provincial, Rafael Louzán, e a deputada de Cultura, Ana Isabel Vázquez, realizaron unha visita a esta exposición que mostra obxectos de relevante importancia histórica e artística. Permanecerá aberta ata o 31 de agosto.