Seis artistas da área creativa interactuarán durante quince días no Náutico de San Vicente

O Salnés
29 de outubro 2022

Macarena Montesinos, Diego Vites, Yolanda Ríos, Carla Andrade, Pablo Barreiro, e Olmo Blanco compartirán residencia creativa ata o 11 de novembro neste espazo dentro do programa 'DepoCrea'. Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, salientou que a proposta iniciada no Grove é un proxecto multidisciplinar que acolle fotografía, instalación, composición musical, cinema e pintura

Carmela Silva no inicio do DepoCrea no Náutico de San Vicente
Carmela Silva no inicio do DepoCrea no Náutico de San Vicente / Deputación de Pontevedra

Macarena Montesinos, Diego Vites, Yolanda Ríos, Carla Andrade, Pablo Barreiro, e Olmo Blanco comparten desde este venres e ata o 11 de novembro residencia creativa no Náutico de San Vicente do Grove. 

Ata alí trasladábase a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, para manter contacto cos participantes deste programa denominado 'DepoCrea' e que, na súa primeira edición, pretende fomentar a creación contemporánea nun espazo único a través de valores relacionados coa natureza, a cultura e a sustentabilidade.

Ao longo de quince días, os participantes deberán elaborar proxectos que se farán públicos o 12 de novembro. A iniciativa combina diferentes especialidades artísticas como fotografía, composición musical, cinematografía, pintura ou instalación.

Carmela Silva destaca que se trata dun "auténtico laboratorio creativo" que permite a convivencia e a interactuación. As persoas seleccionadas entre 33 candidaturas de toda España, Portugal, México e Grecia xa presentan unha ampla traxectoria profesional, con premios logrados e bolsas de residencia. Ao longo das próximas semanas deberán elaborar propostas baseadas nunha investigación previa da zona.

A residencia artística, que promove a Deputación de Pontevedra, permite iniciar un proceso creativo con visitas do público mentres estes innovadores desenvolven o seu traballo nun formato de portas abertas. Xa nunha segunda etapa está prevista a participación de público ou de colectivos concretos. Ademais, durante os próximos días está prevista a visita de profesionais do ámbito creativo para impartir conferencias que sirvan para asesorar ao grupo seleccionado.

Tamén se acometerá unha xornada divulgativa na que cada artista expoñerá o seu traballo e a traxectoria que acumula durante os seus anos de experiencia.