Semana do Museo de Combarro organizada polo colectivo Armadiña

Poio
30 de xullo 2021

O colectivo Armadiña está a dinfundir o proxecto museístico que pretende implantar en Combarro baixo o nome de 'Mus.Co'. Do 2 ao 7 de agosto o local social da asociación converterase en sala de exposicións coa mostra "A muller e o mar", acompañada de actividades para coñecer o patrimonio local

Cartel da exposición "A muller e o mar", organizada polo colectivo Armadiña en Combarro
Cartel da exposición "A muller e o mar", organizada polo colectivo Armadiña en Combarro / Armadiña

O colectivo Armadiña está a difundir o proxecto museístico que pretende implantar en Combarro baixo o nome de 'Mus.Co'.

A primeira acción programada será a Semana do Museo de Combarro. Do 2 ao 7 de agosto, o local social da asociación converterase na primeira sala de exposicións de 'Mus.Co', acompañada de actividades para coñecer o patrimonio local.

A mostra inaugural, "A muller e o mar", abrirá as súas portas o luns 2 de agosto ás 12:00 horas no Fogar Armadiña, situado na Baixada a Chousa, número 11 de Combarro. Permanecerá ata o sábado 7 cun horario de mañá, entre as 11:00 e as 13:00, e pola tarde entre as 17:00 e as 20:00.

O Martes 3 ás 20:00 horas o colectivo Armadiña presentará no local social o proxecto 'Mus.Co' para que toda a veciñanza interesada poida coñecer como sería o futuro Museo de Combarro.

Do xoves 5 ao sábado 7 ás 19:30 será a quenda para o Teatro Infantil Armadiña, que serán os encargados de guiar e dar a coñecer dun xeito diferente a vila a través de visitas guiadas teatralizadas.

O venres 6 ás 22:00 haberá unha visita nocturna aos petróglifos do Xuviño, guiada polo arqueólogo e integrante do colectivo Marcos Padín. A saída será desde o Fogar Armadiña.

Finalizarán as actividades o sábado 7 ás 20:30 na praza da Chousa con Xogando Miudiño, un espazo de xogos tradicionais para gozar en familia.

En paralelo a estas actividades, o colectivo Armadiña convida á xente de Combarro a colgar unhas bandeiras co lema "As nosas raíces" durante toda a semana para reivindicar a necesidade dun espazo museístico nunha vila con tanta historia e tan visitada como Combarro.