Seres indóMITOs: Varo López

Pontevedra
13 de febreiro 2026
Actualizado: 9:21

Mito Meijón entrevista a Varo López, director da curtametraxe 'El Lago Silente', que foi seleccionada no Festival de Málaga

O director Varo López
O director Varo López / Guillermo M. Meijón-Corujo

Este marzo, Pontevedra asómase ao Festival de Málaga con nome propio: Varo López. A súa curtametraxe El Lago Silente foi seleccionado na sección oficial do certame, que se celebrará do 6 ao 15 de marzo en Málaga. E si, é unha noticia de cine, pero tamén é unha noticia de cidade: desas que figuran como un pequeno orgullo colectivo, porque pon a alguén de aquí nun escaparate grande, sen estridencias e con moito traballo detrás.

Varo non vende fume. Ten esa mestura pouco habitual de talento e serenidade que, nun sector tan dado ao ruído, vale case tanto como unha boa idea. Fala do cine como un oficio real: coa súa parte luminosa e a súa parte dura, con orzamentos que apertan, con tempos que desgastan e, sobre todo, con equipos. Na súa maneira de contar as cousas hai algo que se agradece: non centra o foco nel, senón no que fai posible que unha historia chegue á pantalla.

Teño a enorme sorte de coñecer ben a súa familia e asegúrolles que é desas que reconcilian co mundo. Unha contorna xenerosa, luminoso, de apoio sincero. Non lle resta mérito (porque o mérito é seu), pero axuda a entender de onde lle vén esa forma limpa de mirar e de traballar. Se o programa Gente maravillosa necesitase un director, Varo podería porse tras a cámara sen impostar nada: creceu nunha familia así, MARABILLOSA.

— Como é a túa relación con Pontevedra?

Compároa coa relación dun adolescente cos seus pais: hai etapas nas que non os aturas e necesitas distancia, pero tamén sabes que están aí, que te queren e que esa casa existe. Ás veces necesito marchar; outras, volver. Pero sempre está.

— Con que xeración identifícaste máis?

Considérome un señor desde hai tempo. Imaxínome con boina, cheminea, un libro e conversacións longas con amigos. Creo que a sociedade actual, sobre todo a máis nova, está moi desligada da realidade e é bastante materialista.

— Onde estabas cando te decataches da selección no Festival de Málaga?

Estaba en casa dos meus tíos, cos meus curmáns pequenos. O 8 de xaneiro chamoume Antonio Arenas para darme o parabén. A miña reacción foi tan esaxerada que a miña nai e a miña tía se asustaron, pensaban que pasara algo malo. Cando viron o sorriso que me quedou, xa entenderon que era algo bo.

— Do 6 ao 15 de marzo, El Lago Silente estará na sección oficial de curtametraxes do Festival de Málaga. Que significa para ti?

É unha alegría enorme, sobre todo por todo o equipo que hai detrás e a xente implicada no proxecto, sen eles nada sería posible. Que o traballo chegue ata aquí é moi emocionante.

— Como foi levantar El Lago Silente e No son tus ojos ao mesmo tempo, e que cambiou para que hoxe mires o proxecto con outros ollos?

Foi moi duro. El Lago Silente e No son tus ojos levantáronse ao mesmo tempo, con orzamentos elevados, de máis de 25.000 euros cada un, e con moitísima xente implicada. Acabei moi canso. E é verdade que ao principio non estaba especialmente contento con El Lago Silente, pero o percorrido do proxecto fíxome velo doutra maneira.

— Na ECAM lograches algo que non fixera ninguén: dirixir dous proxectos á vez. Que che deixou unha experiencia así?

Aprendín moitísimo, pero tamén me dei conta de que necesitaba parar. Despois de finalizar ambos os proxectos tomei un par de meses de vacacións para pensar que facer. Estou moi agradecido á ECAM, pero en especial aos meus compañeiros e amigos, sen eles compaxinar tantos proxectos sería imposible.

— Se botas a vista atrás, en que momento aparece o cine na túa vida?

En primeiro de Bacharelato, cando vin Psicose. Despois da película fixemos un debate en clase e eu era o único que falaba. Aí deime conta de que me gustaba de verdade.

— Cando pensas en cine español, que nomes che veñen primeiro á cabeza?

Manuel Mur Oti é un director que me interesa moito, aínda que por suposto tamén Berlanga ou Bardem.

— Ver películas contigo: é gozar ou analizar sen descanso?

O cine é para gozar. Aínda que a min unha película me pareza horrible por como está feita, se ao espectador gústalle, o obxectivo está cumprido. Ao final, aínda que sexa unha industria, hai que gozala.

— Series ou películas: por que cres que agora mandan tanto as series?

Estamos nunha época na que as series triunfan moito polo noso ritmo de vida: non sempre temos dúas horas para sentarnos fronte a unha pantalla prestando atención. Ademais, a nosa capacidade de atención diminuíu. Por iso funcionan tan ben os formatos de 20 ou 30 minutos.

— E ti onde te sitúas como espectador?

Eu prefiro ver películas, aínda que tamén hai miniseries que me gustan moito, como Nos vemos en otra vida.

— En cultura, manda a oferta ou manda o público?

O público. É o que esixe e o que demanda, e a oferta adáptase a iso. Agora hai moitísima oferta porque as plataformas teñen que diferenciarse.

— E o da industria: como vives esa concentración en Madrid e Barcelona?

A industria está aí, pero tamén a oferta cultural. En Galicia hai talento e hai empresas, pero s queres dedicarte a isto non quéda outra que saír. Fáloo moito con compañeiros que viven en Madrid e queren volver, cando temos estas conversas sempre chegamos á conclusión de que nos gustaría poder crear unha escola de cine en Galicia.

— Estás a buscar apoios para novos proxectos. Que papel xoga para ti a colaboración público-privada?

É fundamental. Para os meus proxectos toco todas as portas que podo: Deputación, AGADIC, ECAM… e tamén recordo ás empresas os incentivos fiscais que ten investir en cine. Moitas veces non se coñecen.

— Falamos de condicións laborais. Que é o máis urxente?

Son moi malas e hai que buscar un cambio. Non se trata só de cumprir convenios, senón de que a xente estea cómoda, a gusto no seu lugar de traballo. Nós traballamos con persoas e iso nótase. Non sempre estiven en equipos onde isto se coidara.

— Que impacto cres que está a ter a intelixencia artificial no cine?

Creo que é negativo e espero que non vaia a máis. Sorpréndeme que teñamos intelixencia artificial facendo películas mentres actores e directores están mal pagados ou facendo traballos de subsistencia para poder comer.

— Se unha IA recomendara sempre películas que sabes que che van gustar, pero pechase outras opcións, usaríala?

Non. Apréndese moitísimo do cine malo. De todo o que vemos se aprende, tamén daquilo que non hai que facer.

— O teu ollo crítico descansa algunha vez?

Non de todo. O meu hobby converteuse no meu traballo, así que sempre está aí.

— Reivindicaches a novela gráfica e, á vez, dis que estás revisitando Disney. Que che está dando agora mesmo cada cousa?

Gústame moito a novela gráfica e creo que hai que lembrar que tamén existe novela gráfica para adultos. E agora estou revisitando películas Disney porque son moi cómodas: non hai que pensar demasiado, e ás veces iso tamén se agradece.

— Último capricho.

O libro "El aliento de los dioses".

— A quen che gustaría ver nesta sección?

A Pablo Diego Deus.

 

O CUESTIONARIO

Nunca saio de casa sen… móbil

Na miña neveira sempre hai… queixo

No meu armario destaca… a cantidade de sudadeiras

A idade é… un número

Sempre fun o ollo dereito de… a miña avoa e da miña nai

Pontevedra ten alma de… diversión

Creo en… o cine

O ano que marcou a miña vida foi… 2018

O mellor agasallo que me poden facer é… deixarme dirixir unha boa película

O meu lugar no mundo é… o set de rodaxe

Se non puidese vivir en Pontevedra viviría en… a miña aldea, Valongo.

O meu momento favorito do día é… o atardecer

Pontevedra… O Grifón!