Sés e Aid xúntanse por primeira vez no escenario para homenaxear a Rosalía de Castro

Pontevedra
10 de febreiro 2013

A cita será o venres 22 de febreiro no marco dun acto literario musical conducido pola actriz e cineasta Comba Campoy. Na parte literaria participan Elvira Riveiro, Rosalía Fernández Rial, Anxo Angueira ou Marga do Val

Sés, cantautora coruñesa que participa na décima edición de Cantos na Maré
Sés, cantautora coruñesa que participa na décima edición de Cantos na Maré

Pontevedra xuntará por primeira vez nun escenario a dúas das grandes revelacións da música galega actual, a rapeira Aid (que publicou no 2012 o disco libro Rapoemas, con versións rapeadas de poemas rosalianos) e Sés, que está a ter unha grande proxección no panorama musical galego despois da publicación do seu primeiro disco.

A cita será o venres 22 de febreiro no marco dun acto literario musical organizado pola Concellaría de Cultura para conmemorar a data de nacemento de Rosalía de Castro, que se celebra no 24 de febreiro e que figura no calendario das letras coma Día de Rosalía.

O festival será conducido pola actriz e cineasta Comba Campoy e na parte literaria destaca a participación de representantes de diferentes xeracións: a pontevedresa Elvira Riveiro, autora de varios libros; a xovencísima Rosalía Fernández Rial, e autores de longa traxectoria como Anxo Angueira ou Marga do Val.

A conmemoración ten un significado especial por coincidir cos 150 anos da publicación do libro de poemas Cantares Gallegos (1863), obra que sentou as bases do Rexurdimento cultural e literario do século XIX.