Sesenta mil asistentes para un PortAmérica que xerou un impacto de 18 millóns

O Salnés
16 de xullo 2026

Esta edición supón ademais o peche dunha etapa significativa e o inicio doutra aínda máis ambiciosa, xa que en 2027 celebrarase o decimoquinto aniversario de PortAmérica

Concerto de Xoel López no PortAmérica 2026
Concerto de Xoel López no PortAmérica 2026 / PortAmérica

PortAmérica pechou a súa décimo cuarta edición como un dos grandes referentes culturais do verán, tras reunir durante tres xornadas a un total de 60.000 asistentes.

O evento, ademais, xerou un impacto económico estimado de 18 millóns de euros e 450 empregos directos e 1.000 indirectos. Tivo unha repercusión mediática de máis de 45 millóns de euros, segundo os datos auditados por Onclusive.

Dani Martín, Rigoberta Bandini, Hombres G, Amaia, Xoel López, Eliades Ochoa, Instituto Mexicano del Sonido,  Grande Amore, Fillas de Cassandra, The Rapants ou Marina Reche foron algúns dos artistas que actuaron nesta edición.

O ShowRocking, dirixido polo chef Pepe Solla, volveu ser un dos grandes protagonistas ao reunir a 37 chefs nacionais e internacionais.

Nomes como Andoni Luís Aduriz, Eduard Xatruch, Ricard Camarena, Francis Paniego, Iván Cerdeño, Maca de Castro, Paco Roncero ou Yayo Daporta, entre moitos outros, volveron converter a cociña nun escenario máis do festival e situar a gastronomía ao mesmo nivel que a música.

Máis aló dos concertos, PortAmérica contou con presentacións literarias de FNAC con autores como Manuel Jabois ou Nacho Carretero, Carlos Sadness ou Gipsy Chef, así como encontros con músicos, cociñeiros e creadores, talleres de sustentabilidade e actividades familiares.

Así mesmo, por primeira vez incorporouse a interpretación en directo en lingua de signos durante os principais concertos, ademais de incluír recursos para persoas con diversidade funcional, espazos familiares, medidas de conciliación, mobilidade sostible ou señalética adaptada.

Tamén desenvolveu accións xunto a entidades sociais, como o Grupo de Baile Sénior da UNED Pontevedra, a actuación La Magia del Color de Down Vigo, as coreografías gañadoras do Premio PortAmérica de Vigo Porté e unha programación de DJs.

O festival oprtó por iniciativas de economía circular, reforestación, mobilidade compartida, consumo de proximidade, así como coa colaboración co tecido empresarial e asociativo local.

Este ano, ademais, os aparcadoiros foron de pago e a recadación obtida destinouse integramente á Asociación Española Contra o Cancro (AECC), cunha achega total de 4.412,87 euros.

A iso súmase as colaboracións con Arela, Down Vigo, EVD Galicia, Fundación Menela, Alento e ASPACE.

Esta edición supón ademais o peche dunha etapa significativa e o inicio doutra aínda máis ambiciosa, xa que en 2027 celebrarase o decimoquinto aniversario de PortAmérica, recentemente declarado como Acontecemento de Excepcional Interese Público.

Trátase dunha das máximas figuras de recoñecemento institucional previstas para iniciativas estratéxicas do país, convertendo a este festival no primeiro evento destas características en Galicia en obter esta distinción.

Nesta nova etapa, a organización pon a mirada en seguir crecendo como proxecto cultural, social e territorial, deixando atrás o ser só un festival para converterse nun proxecto cultural con proxección internacional.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora