A Sociedade Filarmónica de Vilagarcía conmemora unha década de vida cunha programación musical de luxo que reunirá sobre os escenarios da vila ás principais formacións galegas.
A asociación vilagarciana, que conta na actualidade con máis de 350 persoas asociadas, organizou un total de sete concertos para celebrar este aniversario, cinco deles de música de cámara que completarán unha oferta variada e de alta calidade artística.
Durante a presentación do programa, o presidente da Sociedade Filarmónica, José Luis Sanz, agradeceu o apoio do Concello durante estes anos e destacou o crecemento da entidade. Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Sonia Outón, valorou "o gran labor realizado, unha mestura de tesón e traballo duro que trouxeron a Vilagarcía a auténticos referentes da música clásica".
As persoas asociadas á Filarmónica poderán asistir gratuitamente a todos os concertos, mentres que o público xeral pagará entre 5 e 20 euros segundo a actuación.
A programación comezará o 17 de outubro no Auditorio Municipal coa actuación do Cuarteto Casals, "formación raíña da música de cámara" e Premio Nacional de Música, segundo explicou Pablo Vidal, asesor musical e profesor de violín da entidade.
O 20 de novembro será a quenda da Orquestra Sinfónica de Galicia no mesmo espazo, mentres que decembro traerá unha das actuacións máis exclusivas: o pianista Thomas Enhco ofrecerá un recital só para socios o día 12 no pazo do Castriño. "É unha oportunidade única coa que esperamos animar ao público a que se una á Sociedade", sinalou Vidal.

Tras o parón festivo, a temporada regresará o 28 de febreiro co debut en Galicia de Hera Park, "unha auténtica diva da ópera que está agora mesmo traballando na de Nova York", destacou o asesor musical.
O 20 de marzo actuará a Real Filharmonía de Galicia, cuxo directora técnica, Sabela García, estivo presente na presentación da programación.
A conexión entre Galicia e América Latina terá o seu espazo o 24 de abril coa actuación de Alexis Cárdenas, Jorge Glem e Elvis Martínez, que levarán os ritmos e melodías do Caribe ao Auditorio Municipal.
O ciclo pecharase o 20 de maio co 'Curtis on tour', da man de Liza Ferschtman e Benjamin Hochman, que visitan Galicia grazas a unha beca do Curtis Institute.