Sete décadas de xogos e xoguetes ao alcance de nenos e maiores no Museo

Pontevedra
29 de novembro 2024

O Museo de Pontevedra acollerá a partir deste venres 29 a exposición 'E tempo de xogar', cunha escolma de 150 pezas da colección de 700 xogos e xoguetes do redondelán Juan Manuel Alfaya Ocampo

Un dos xoguetes da exposición 'É tempo de xogar'
Un dos xoguetes da exposición 'É tempo de xogar' /

O Museo de Pontevedra acollerá a partir deste venres 29 de novembro unha exposición que recolle xoguetes desde finais do século XIX ata os anos 60 do século XX. 

Baixo o nome 'É tempo de xogar', a mostra ofrecerá ao público unha escolma de arredor de 150 pezas da colección de cerca de 700 xogos e xoguetes do redondelán Juan Manuel Alfaya Ocampo.

Os xoguetes que forman esta exposición foron creados entre as décadas de 1890 e 1960 e pertencen a marcas españolas tan destacadas coma Rico, Payá, Sanchís, Teixidó, Picó, Casanellas, Seix Barral, Sagarra, Mariquita Pérez e Jecsan. Tamén doutros países, como Gunthermann, Lehmann, Fernand Martin, Arnold, Hess, Tecnos, Strauss, Distler, Bühler, Rossignol, Goso, Marx, Bonnet, Vebe, Lego, Joustra ou Matarazzo.

A mostra abrangue principalmente xoguetes de lata, pero tamén doutros materiais coma chumbo, cartón, madeira ou plástico. Destacan os autómatas, moitos deles centenarios, que reproducen con gran realismo sorprendentes movementos. Tamén os teatros, de marcas como Schreiber, Paluzie e Pellerin-D’Espinal. 

Esta mostra quere ser unha invitación a xogar para as nenas e nenos e para as persoas adultas. É unha viaxe no tempo para descubrir os obxectos cos que se divertían xeracións anteriores.

Poderase visitar ata o 9 de febreiro, con visitas guiadas cada mércores e cada vernes ás 18.00 horas a cargo do coleccionista. Ademais, poderanse concertar visitas fóra dese horario para escolas, asociacións ou grupos a partir de 10 persoas, contactando co Museo.

O vicepresidente da Deputación Provincial, Rafael Domínguez, presentou a exposición acompañado do coleccionista e da responsable de Exposicións do Museo, Fátima Cobo.

Na súa intervención, agradeceulle a Juan Manuel Alfaya a súa "xenerosidade" co Museo e con Pontevedra e Fátima Cobo destacou a súa implicación "cunha vocación claramente social".

O propio coleccionista puxo o acento en que a exposición sexa participativa, "para chegar a moita xente, especialmente a aquelas persoas que non puideron ter estes xoguetes na súa infancia".