Sete Espadelas, a grande triunfadora no concurso do Día do Enxalzamento do Traxe Galego

Pontevedra
23 de xullo 2018

Estes premios súmanse aos máis de 15 xa acadados en anos anteriores pola asociación pontevedresa, que naceu co obxectivo de estudar, investigar, recuperar, reproducir e divulgar a indumentaria tradicional galega

Concurso do día do Enxalzamento do Traxe Galego
Concurso do día do Enxalzamento do Traxe Galego

A Asociación Etnográfica Sete Espadelas de Pontevedra acadou este sábado sete premios na XXXIX edición do concurso do Día do Enxalzamento do Traxe Galego organizado polo Concello de Santiago.

A asociación fíxose co galardón en sete das doce categorías entregadas, acadando os primeiros premios por Traxe de grupo de máis de 10 persoas, Traxe de home de garda, Traxe de muller de cotío, Traxe de home de cotío, Traxe de nena e Peza antiga. Ademais, conqueriu o segundo premio na categoría Traxe de home de garda.

Estes premios súmanse aos máis de 15 xa acadados en anos anteriores pola asociación pontevedresa, que naceu co obxectivo de estudar, investigar, recuperar, reproducir e divulgar a indumentaria tradicional galega.

Tamén contan no seu haber con sete Premios "Antón Fraguas" de Investigación do Traxe Tradicional Galego.

A asociación acadou un grande éxito coa súa Pasarela de Traxe Tradicional "Sete varas, un refaixo" que tras o seu estreo en xuño do 2017 no Pazo da Deputación de Pontevedra, este ano representaron en abril na Coruña, no Teatro Colón, e en xuño no Gaiás, na Cidade da Cultura de Galicia, dentro do I gran encontro de Folclore galego "Serán 01" organizado pola Consellería de Cultura.