Sete Espadelas obtén oito premios no XLIII Concurso do 'Día do enxalzamento do traxe galego'

Pontevedra
31 de xullo 2022

A asociación etnográfica pontevedresa acadou oito dos trece galardóns consolidándose como un dos colectivos referentes na conservación, estudo, divulgación e reprodución do traxe tradicional en Galicia. Na actualidade, Sete Espadelas suma máis de 45 premios do Día do Enxalzamento do Traxe de Santiago e once premios de Investigación Antón Fraguas

Representantes da Asociación Etnográfica Sete Espadelas tras acadar os premios en Compostela
Representantes da Asociación Etnográfica Sete Espadelas tras acadar os premios en Compostela / Asociación Etnográfica Sete Espadelas

Sete Espadelas volveu conseguir outro extraordinario resultado no Concurso do 'Día do Enxalzamento do Traxe Galego', que se celebra en Santiago de Compostela. Este sábado entregábanse os premios da 43 edición, que só se suspendía en 2020 con motivo da pandemia, e a asociación etnográfica pontevedresa, que promoven David Quiñones e José Luis Rodríguez, obtiña oito dos trece premios deste prestixioso certame.

As categorías nas que o colectivo pontevedrés lograba os premios foron:

1º premio traxe de cotío de home : Traxe de Vilasantar
2º premio traxe de garda de home: Traxe de Betanzos
2º premio traxe de garda de muller: Traxe de Muros
1º premio traxe de cotío de muller: Traxe de A Rigueira – A Pastoriza
1º premio traxe completo antigo: Traxe de Porráns (Barro)
2º premio traxe de cotío de home: Traxe da festa de San Roque (Vigo)
2º premio traxe de cotío de muller: Traxe de Irixoa
1º premio grupo de máis de 10 persoas: Muradás en Santiago.

O xurado estaba composto por integrantes do Concello de Santiago; do Museo do Pobo Galego; Seminario de Estudos Galegos; Fundación Rosalía de Castro e outros representantes culturais de relevancia dentro do sector.

A Asociación Etnográfica Sete Espadelas dedicada ao estudo, divulgación, conservación e reprodución do traxe tradicional galego suma máis de 45 premios neste certame ao longo da súa historia, aos que hai que engadir once premios de Investigación Antón Fraguas. 

O colectivo logrou un gran éxito coa súa mostra 'Galicia, a terra dos mil panos' no Museo de Pontevedra durante o ano 2019 e está previsto que o sábado 6 de agosto inaugure a exposición 'Ruth Matilda Anderson, unha viaxe pola indumentaria tradicional de Galicia' no Edificio Castelao do Museo. Permanecerá aberta ata o 16 de outubro.

Esta proposta é o proxecto máis ambicioso da asociación ao reproducir máis de 75 traxes dos fotografados por Matilda Anderson, enviada da Hispanic Society entre 1924 e 1926, coa presenza tamén das imaxes, moitas delas inéditas.