Sete Espadelas prepara unha pasarela de traxes tradicionais galegos inspirados nas obras de Castelao

Pontevedra
13 de novembro 2025
Actualizado: 17:10

O acto vai desenvolverse no Pazo da Deputación o vindeiro xoves 20 de novembro dentro do Ano Castelao e reunirá arredor de corenta pezas de distintas clases e comarcas

Traxe de Sete Espadelas baseado nunha obra de Castelao
Traxe de Sete Espadelas baseado nunha obra de Castelao / Asociación Etnográfica Sete Espadelas

A Deputación de Pontevedra conmemora os 75 anos do pasamento de Castelao cunha actividade destacada: o vindeiro xoves 20 de novembro, o Pazo Provincial converterase no escenario dunha pasarela dedicada ao traxe tradicional galego.

As pezas recollen o espírito e as iconas das pinturas e debuxos do ilustre galeguista autor de "Sempre en Galiza".

A iniciativa, desenvolvida pola Asociación Etnográfica Sete Espadelas, dará comezo ás 19:00 horas e require confirmación previa de asistencia a través do correo [email protected].

Durante o desfile exhibiranse arredor de corenta traxes que reproducen con fidelidade indumentarias propias das clases sociais dos séculos XVIII e XIX e das diversas comarcas da xeografía galega, recollidas nas obras de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

A colección supón unha viaxe visual pola historia e polo xeito de vestir do pobo galego, reivindicando o traxe como parte esencial do patrimonio inmaterial.

O traballo de Sete Espadelas, asociación que leva recollidos numerosos premios pola súa actividade de recuperación e estudo do traxe galego, garantiu a reprodución rigorosa dos patróns, tecidos e enfeites tradicionais.

O evento enmárcase nas actividades do Ano Castelao 2025, resaltando o valor que o propio Castelao outorgou á indumentaria típica como rasgo identificativo como signo de dignidade popular.

Diversas pezas desta pasarela xa foron empregadas por intérpretes na obra de "Os vellos non deben de namorarse" que Os de Algures e Sete Espadelas en colaboración coa Aula de Teatro Municipal de Pontevedra e diversos colectivos folclóricos representaron no Teatro Principal de Pontevedra o 8 de novembro.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora