Sete Falares 2025 trae o mellor da narración oral de sete mares a Pontevedra

Pontevedra
27 de maio 2025
Actualizado: 17:34

O encontro internacional de contadores e contadoras de historias celebrará a súa décimo terceira edición do 8 ao 15 de xuño con artistas de Galicia, Colombia, Euskadi, Alacant e Brasil

Demetrio Gómez, Tareixa Alonso e Xacobe Rodríguez presentan Sete Falares 2025 Mónica Patxot

A cidade de Pontevedra converterase un ano máis no escenario onde a palabra a través da narración oral será a protagonista coa celebración dunha nova edición de Sete Falares, o Encontro Internacional de Contadores de Historias que este 2025 chega á súa décimo terceira edición.

Do domingo 8 ao 15 de xuño, doce narradores procedentes de distintos puntos xeográficos compartirán as súas historias nunha semana completa de actividades.

"Volve Sete Falares, unha das semanas do ano das que máis gostamos porque escoitar as narracións orais, na sinxeleza dunha persoa contando unha historia e transmitir emocións que quedan a flor da pel é unha das cousas máis bonitas que pasan", destacou Demetrio Gómez, concelleiro de Cultura de Pontevedra durante a presentación do evento.

Tarexia Alonso, integrante de Pavís Pavós e organizadora do festival, subliñou que "un ano máis presentamos a Festa da Palabra coa arte de contar historias", e lembrou que desde 2012 se reúnen en Pontevedra narradores de diferentes países.

Este ano, o deseño do programa representa un mar con peixes simbolizando as distintas nacionalidades participantes, xa que "todos os países que se representan teñen mar nesta edición".

O festival, dirixido principalmente a público adulto, arrancará o domingo 8 de xuño ás 20:00 horas coa inauguración a cargo de María da Pontragha, acompañada da música de Bleuenn Le Friec, procedente de Bretaña. María da Pontragha, contadora, cantadora e percusionista, presentará historias "que non deixan pestanexar" cun estilo moi característico.

Bleuenn Le Friec e María Da PontraghaMaría Da Pontragha

O programa continuará o luns 9 nos Xardíns de Marescot ás 20:00 horas con Caxoto, narrador da Mariña lucense caracterizado polo seu "contacto directo co público, intenso, emocional, e toque de humor especial".

O martes 10, no mesmo espazo e hora, actuará Charo Pita, escritora de narrativa infantil e poesía que gusta de mesturar música e palabra.

O mércores 11 será a quenda de Soledad Felloza, contadora uruguaia residente en Galicia, que une antropoloxía co realismo máxico.

O xoves 12 desdóbrase en dúas sesións: ás 18:00 horas no paraninfo do IES Valle Inclán co actor e contador galego Avelino González, e ás 20:00 no Teatro Principal cun encontro "De tres en tres" con Iñaki Carretero (Euskadi), Léla Mayer (Brasil) e Nelson Calderón (Colombia).

O venres 13 haberá unha sesión completa con Léla Mayer ás 18:00 horas no paraninfo do Valle Inclán, e ás 20:00 horas celebrarase a clásica sesión "De Dous en Dous" con Avelino González e Raquel López, narradora alacantina autora de dous libros.

Avelino GonzálezAvelino González

O sábado 14 destaca o "Vieiro de historias por Pontevedra", un percorrido nocturno por lugares emblemáticos da cidade en catro quendas (21:00, 21:20, 21:40 e 22:00 horas) para grupos de cincuenta persoas.

As sesións son gratuítas pero é necesario retirar as invitacións a partir das 20:30 na billeteira do Teatro Principal.

O festival pechará o domingo 15 cunha sesión no Parador de Turismo con Raquel López ás 13:00 horas, outra na Casa da Luz con Iñaki Carretero ás 18:00, e a gala de clausura no Teatro Principal ás 21:00 horas.

As entradas para os espectáculos de apertura e clausura custan 8 euros e poden adquirirse en Ataquilla desde o mércores 28 de maio. O resto de sesións son gratuítas.

O festival ofrece descontos habituais para persoas desempregadas e xubiladas. Esta edición incorpora como outro atractivo o uso de novos espazos para as contadas: o paraninfo do IES Valle Inclán e os xardíns de Marescot.