Ska-P, Rayden e El Kanka pechan a oferta musical do SonRías Baixas 2020

Bueu
13 de febreiro 2020

O festival SonRías Baixas xa ten pechado o seu cartel para a edición de 2020, que se celebrará en Bueu os días 30 e 31 de xullo e 1 de agosto. Os organizadores confirmaron este xoves as dez últimas bandas e artistas que subirán ao seu escenario

Ska-P
Ska-P / SonRías Baixas

O festival SonRías Baixas xa ten pechado o seu cartel para a edición de 2020, que se celebrará en Bueu os días 30 e 31 de xullo e 1 de agosto. Os organizadores confirmaron este xoves as dez últimas bandas e artistas que subirán ao seu escenario. Entre eles están tres das referencias da música urbana española: Ska-P, Rayden e El Kanka.

Xunto a eles soarán en Bueu o rock de acento flamenco de Arco, o enerxético directo de JazzWoman, a agardada volta dos Alamedadosoulna, o hip hop tropical do neerlandés de orixe chileno Maurino, a festa revolucionaria dos cataláns Oques Grasses, o enerxético punk folk galego dos The Skarnivals e o dúo de novísimos DJs e produtores lugueses Galician Army.

Estes artistas súmanse ao irresistible cóctel festivo do que xa formaban parte El Drogas, que fora cantante de Barricada; ou o mellor rapeiro en lingua hispana do mundo, Kase.O.

O cartel complétase cunha das voces máis salientables do underground latinoamericano, Sara Hebe, o punk-rock dos Desakato, os ritmos do mundo de García Mc & Nación Quilombo e a paixón pola tradición balcánica de Balkan Paradise Orchestra.

O SonRías Baixas chega así á súa maioría de idade cunha edición na que avanzará un paso máis a partir dun modelo xa consolidado, co obxectivo de chegar a un público máis amplo, sen perder a esencia dun festival que ten conquistado o público de Galicia e do resto do Estado coa súa singular proposta de música, gastronomía e praia.

As entradas para o festival están á venda na web sonriasbaixas.info cun prezo especial e limitado de 45€ máis gastos os tres días de concertos, acampada incluída.