SondeSeu inaugura a banda sonora do Culturgal

Pontevedra
03 de decembro 2016

A primeira orquestra folk de Galicia puxo este venres o broche de ouro á primeira xornada de Culturgal cun concerto no auditorio do Pazo da Cultura coa participación de Rosa Cedrón e Orfeón de Treixadura 

Concerto de Sondeseu no Culturgal
Concerto de Sondeseu no Culturgal / Mónica Patxot

SonDeSeu, a primeira orquestra folk de Galicia, puxo este venres o broche de ouro á primeira xornada de Culturgal cun concerto no auditorio do Pazo da Cultura coa participación de Rosa Cedrón e Orfeón de Treixadura. Foi o remate do primeiro día da Feira das Industrias Culturais de Galicia e o inicio da sección máis musical da iniciativa, na que a banda sonora deste ano virá da man este sábado de Xosé Manuel Budiño (21.30 horas) ou este domingo de María Fumaça (12.00 horas), entre outros.

A proposta musical ofrecida por Nalgures Producións, '15 anos con SonDeSeu', serviu tamén para presentar algúns dos temas que formarán parte do novo disco desta orquestra que xa desde a súa aparición na escena folk europea no ano 2001 pasou a ser unha fábrica de talento e creatividade. Será xa o se quinto disco de estudio despois de Mar de Vigo (2004), Trastempo (2007), Barlovento (2010) e Danzas Brancas (2013).

A vertente máis tradicional estivo presente na actuación da man de Orfeón de Treixadura, que puxo voz tanto a letras rescatadas do noso patrimonio inmaterial, como a outras de nova creación. O lado máis actual púxoo a recoñocida vocalista Rosa Cedrón, que desde 2007 afronta a súa carreira en solitario despois de nove anos en Luar na Lubre. 

A programación musical deste Culturgal 2016 incluirá desde o Coro Cantigas e frores de Lugo ou o Orfeón do Berbés de Vigo até Silvia Penide, Xoán Curiel, SONIA LEBEDYNSKI, Paloma Suanzes, Fran Amil e A Tribo Incomprensibel, Sindicato da noite, Berlai, Eladio y los seres queridos, Ezetaerre, Língua Nativa ou Zurrumalla.

Arquivado en