Durante os meses de decembro e xaneiro, Pontevedra será o foco das olladas do cine estatal grazas ás actividades organizadas arredor dos Premios Feroz e a celebración do festival Novos Cinemas.
Entre as propostas previstas para este mes destacan proxeccións, coloquios e clases maxistrais organizadas arredor dos Premios Feroz:
Día 16: A Facultade de Comunicación do campus pontevedrés acollerá ás 16:00 horas unha clase sobre fotografía e o traballo en 'La estrella azul', impartida por Álvaro Medina.
Ese mesmo día, ás 19:00 horas, no Teatro Principal, o director do filme Javier Macipe ofrecerá unha charla sobre a mesma película.
Día 19: Os Irmáns Sánchez-Cabezudo, creadores da serie 'Nos vemos en otra vida', baseada na novela de Manuel Jabois, participarán nun coloquio tras a proxección de dous capítulos.
Día 21: O Teatro Principal acollerá ás 19:00 horas a proxección dos cinco primeiros capítulos da miniserie romántica 'Los años nuevos', dirixida por Rodrigo Sorogoyen, recoñecido por filmes como 'El Reino', 'Madre' e 'As Bestas', que manterá unha conversa sobre esta serie cos espectadores.
Días 25, 26 e 27: Ciclo especial, ás 19.00 horas, dedicado ao director Jaime Chávarri, Premio de Honra dos Feroz 2025.
No Teatro Principal proxectaranse películas emblemáticas como 'Las cosas del querer, 'Las bicicletas son para el verano' e 'El desencanto'.
Inicialmente estaba previsto que Rodrigo Cortés presentase en Pontevedra a súa nova película 'Escape', protagonizada por Mario Casas, o 9 de decembro pero finalmente, segundo indica o Concello de Pontevedra, o acto quedou suspendido e será trasladado a outra data aínda por determinar.
O mes de xaneiro continuará coas actividades, incluíndo unha clase maxistral de Jaime Chávarri, prevista para datas previas á gran gala dos Premios Feroz.
O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores salientou o compromiso da cidade coa organización destes premios, subliñando a importancia da proxección cultural que supoñen para Pontevedra.
Sinalou que os profesionais convidados ata o momento "están encantados" pola afluencia e o interese do público local nos eventos.
Lores destacou o éxito da iniciativa lembrando que hai o compromiso da Deputación de Pontevedra de apoiar os Premios.