José James utilizaba durante a noite deste sábado todas as súas habilidades para combinar estilos musicais no escenario da praza da Ferrería, no quinto concerto do Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra, que conclúe este domingo.
James ofreceu soul, rhythm and blues, funk, toques de hip-hop, todo bañado con bases rítmicas de jazz nun concerto que volveu congregar a centos de persoas e que permitiu coñecer os temas de 'Lean on me', o último disco publicado polo cantante de Minneapolis, un traballo no que rende homenaxe ao cantautor Bill Withers con versións dalgunhas das súas mellores composicións.
GABRIEL PESO TRÍO
A partir das 22.30 horas deste domingo, o escenario da Ferrería acollerá o último concerto da edición deste ano. E vai facelo co concerto de Gabriel Teso Trío, unha formación liderada polo pianista pontevedrés, que con tan só catro anos xa actuaba no Teatro Principal.
Gabriel Peso, malia a súa xuventude, conta cunha ampla traxectoria tanto no terreo da música jazz como no da música pop a través das súas colaboracións con artistas tan coñecidos como David Bisbal, Malú, Soraya, Abraham Mateo, Paloma San Basilio, King África, Melendi, Pitingo ou a gaiteira galega Susana Seivane.
Este domingo, acompañado por David Ruíz ao contrabaixo e por Miguel Asensio á batería, presentará os temas que conforman o seu segundo álbum, que leva por título 'Travesía'.