Este domingo pola noite coñecíanse os títulos das películas gañadoras da décimo cuarta edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FIC). O filme belga 'Stephanie' lograba o Ánfora de Ouro, cun premio de 2.000 euros.
Julio Villanueva, vicealcalde de Bueu, era o encargado de ler o nome da película premiada, unha obra protagonizada por unha nena ximnasta. O director da cinta, Leonardo van Dijl, agradecía a través dun vídeo o galardón.
Os mil euros do Ánfora de Prata recaeron en 'Huntsville Station', un documental estadounidense de Jamie Meltzer e Chris Filippone, ambientado nunha estación onde os reclusos que saen de prisión viven os seus primeiros momentos de liberdade. Os directores estableceron un paralelismo coa situación de pandemia que sofre toda a sociedade para establecer unha empatía cos protagonistas. O galardón foi presentado pola presidenta da Deputación, Carmela Silva.
Olalla González, espectadora do FICBueu, encargábase de anunciar o Premio do Público que foi a mans de Kate Novak pola súa película 'Hysterical girl', que analiza o único caso de estudo de Freud sobre unha paciente muller. A cinta ofrece unha perspectiva feminista sobre esta situación.
O mellor curto galego recaía na obra de animación 'Homeless home', do director Alberto Vázquez. A mellor curtametraxe experimental levoullo o filme mexicano 'Al motociclista no le cabe la felicidad en el traje', de Gabriel Herrera.
O xurado estivo composto pola guionista Araceli Gonda, a actriz Cris Iglesias e o director David González. Os tres foron os encargados de anunciar que 'Correspondencia', de Dominga Sotomayor e Carla Simón, foi a gañadora da mellor película española.
O Premio CREA á mellor dirección foi para Morad Mostafa; o premio ao mellor guión recaía en Christoph Lauenstein. Graham Short converteuse no mellor actor desta edición e Mia Skrbinac, Sarah Al Sa-leh e Mina Milovanović compartiron o premio á mellor interpretación polo seu traballo en 'Sestre'. Todos os premios poden consultarse nesta ligazón.
Os premios foron elaborados por internos do centro penal da Lama, salvo nos casos dos dous primeiros, que foron creados pola ceramista Sandra Obarrio. A cerimonia final deste certame foi presentada polo actor César Aldea e contou coa Gala Escolas Galegas, que destinou os seus premios ao CEIP A Pedra (Bueu), o IES Félix Muriel (Rianxo) e a Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigo, xunto á realizadora finlandesa Saara Hakkarainen na categoría internacional. Finalmente, realizouse unha foto no tapiz elaborado pola Asociación Cultural Alfombras de Corpus de Bueu.