Suspenden o #ApagónCultural e o sector artístico dá un voto de confianza ao Goberno

Pontevedra
10 de abril 2020
Actualizado: 11 de abril

Durante este venres 10, o mundo da cultura iniciara unha protesta nas redes sociais a través dunha folga consistente en eliminar contidos culturais nestas plataformas. Os profesionais amosaban así o seu malestar pola falta de apoio por parte do Ministerio de Cultura ao sector. Nas últimas horas do venres decidían frear este parón e confiar no Goberno de Pedro Sánchez

Publicación da actriz Marián Bañobre, en apoio ao #ApagónCultural
Publicación da actriz Marián Bañobre, en apoio ao #ApagónCultural

O cancelo #ApagónCultural recolle nas redes sociais o malestar en todo o sector da cultura ante a falta dun plan de axudas por parte do Ministerio de Cultura e Deporte, que dirixe o ministro José Manuel Rodríguez Uribes. 

A 'Unión de Actores y Actrices' convocara unha folga de 48 horas de duración nas redes sociais durante este venres 10 e o sábado 11 co obxectivo de que se note a "non presencia" nestas plataformas ao non subir contidos de iniciativas culturais.

Pero nas últimas horas deste venres decidíase suspender esta convocatora e dar un voto de confianza ao Goberno, segundo explica a Unión de Actores e Actrices na súa conta de Twitter:

 

Entre outras persoas de relevancia pública, Luisa Márquez, coordinadora da Rede de Escolas Unesco; as actrices Marián Bañobre e Mónica Camaño; o artista Antón Sobral; ou os ilustradores Kiko da Silva e Eli García, que colabora coas súas publicacións diarias en PontevedraViva, manifestaron o seu apoio a esta folga en protesta ao deixamento que expresou o ministro de Cultura en relación cos miles de profesionais do sector. 

O sector amosou a súa indignación porque o Ministerio destinou a Deporte un plan de axudas de 50 millóns de euros, que irán a mans das diferentes federacións deportivas, mentres que ignora o apartado cultural.

O malestar do sector tamén se demostra co movemento #NonNosCanceles, que xa viña desenvolvéndose nas redes sociais por parte dos artistas para facer unha chamada á sociedade e ás administracións para que comprendan a importancia que a actividade cultural ten como motor de iniciativas.