Suspendido o ciclo de teatro afeccionado que se iniciaba este sábado na Sociedade Cultural de Mourente

Pontevedra
07 de novembro 2020

Avelaíña Teatro, organizadora del evento, anunciou a suspensión destas catro funcións previstas para este mesmo sábado 7 de novembro e para os días 14, 15 e 21 de novembro con motivo dos novos protocolos sanitarios anunciados pola Xunta de Galicia e que entraron en vigor desde esta mesma xornada

Teatro Escoitade
Teatro Escoitade

As medidas adoptadas pola Xunta de Galicia para evitar a expansión da pandemia levaron á compañía Avelaíña Teatro, organizadora do evento, a tomar a decisión de suspender o ciclo de teatro afeccionado que estaba previsto que se iniciase este sábado 7 de novembro nas instalacións da  Sociedade Cultural de Mourente. 

Estas actuacións incluíanse dentro do Circuito Galego de Teatro Amador 2020 e contaban co apoio de Federación Galega de Teatro Afeccionado (FEGATEA). A función deste sábado corría a cargo de Teatro Escoitade que ía poñer en escena 'Un hotel de primeira sobre o río'.

Tamén se suspenden as funcións do 14, 15 e 21 de novembro a cargo das compañías Teatro Rueiro, Petanaporta e Atrezo Teatro.

As limitacións perimetrais establecidas pola administración autonómica impiden que estas agrupacións de teatro afeccionado poidan desprazarse para levar a cabo as súas funcións na parroquia pontevedresa de Mourente.