Dombate, a colección de poesía da Editorial Galaxia, terá unha nova directora a partir de 2025, ano no que se cumprirá o seu 75 aniversario.
Será a poeta Tamara Andrés, natural de Combarro (Poio), segundo confirmou este luns a editorial, que destacou que toda a colección "estará ao seu coidado".
Esta colección de poesía, que inaugurou Xohana Torres en 1980 con Estacións ao mar, é toda unha referencia dentro das letras galegas e nela publicaron Alba Cid, Chus Pato, Álvaro Cunqueiro ou Yolanda Castaño, entre outros autores.
Tamara Andrés é poeta, tradutora literaria e investigadora. Formouse en tradución e interpretación, lingua e literatura española e literatura comparada.
Integra o grupo de investigación Biblioteca da Tradución Galega e formou parte do proxecto Legados Literarios do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
Como poeta, é autora dos poemarios Corpo de Antiochia (2017), Bosque vermello (2019), Irmá paxaro (2019) e Para non concretarme (2024).
Xunto a Marcos Viso, creou o proxecto artístico Cartas ás 12, que deu como froito o álbum poético Distancias (2020).
Entre as súas traducións ao galego destacan a novela Bruxas a morta, do belga Georges Rodenbach (2014) e, máis recentemente, unha antoloxía poética de Vicent Andrés Estellés e, xunto a Oriana Méndez, As iluminacións, de Arthur Rimbaud.
Ademais, traballou como guionista, produtora e locutora audiovisual.