A unión que, desde hai anos, mantén Tanxugueiras coa produtora marinense Trece Amarillo volve marabillar ao público. Fano co videoclip que acompaña a "Aire", a nova canción que este trío de pandereteiras galegas estrearon este venres.
"É un tema que fala da liberdade, de ser e de reinventarse", así describen Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro, unha canción coa que continúan explorando novos retos e posibilidades sonoras nas súas composicións.
Queren reflicten nela "unha viaxe a toda velocidade sen pensar moi ben nas consecuencias e actuando de forma inconsciente, pero facéndoo desde a verdade e o sentimento más salvaxe e instintivo, buscando unha evolución persoal".
En "Aire", para a que contan coa produción de Lowlight, un habitual da música urbana, Tanxugueiras transmite unha mensaxe empoderadora, animando a todas as persoas "a levar o seu ser á máxima potencia e a brillar sen medo aos prexuízos nin ao qué dirán".
Para elevar esta mensaxe apóianse nunha corada e animada peza audiovisual dirixida por Diego M. Barcia e Diego Santaclara, responsables dos videclips de Midas, Figa, Averno ou Pano corado.