Tanxugueiras pecharán a súa xira en Pontevedra, cun concerto especial no Culturgal

Pontevedra
15 de outubro 2021

O auditorio do Pazo da Cultura é o lugar elixido por Tanxugueiras para pechar a xira que iniciaron hai dous anos para presentar o seu segundo disco, Contrapunto. Será cun concerto especial que, no marco da feira Culturgal, se celebrará o 28 de novembro. As cantareiras estarán acompañadas sobre o escenario por grandes voces e instrumentistas da escena galega

Tanxugueiras
Tanxugueiras / Rocío Cibes

O auditorio do Pazo da Cultura é o lugar elixido por Tanxugueiras para pechar a xira que iniciaron hai dous anos para presentar o seu segundo disco, Contrapunto. Será cun concerto especial que, no marco da feira Culturgal, se celebrará o 28 de novembro.

Temas como Desposorio, Perfidia, O querer, Irmandade, Albedrío ou Malquerenza soarán no auditorio de Pontevedra, pero desta vez as 'cantareiras' estarán acompañadas sobre o escenario por grandes voces e instrumentistas da escena galega.

Na cita tamén soarán algúns dos seus novos temas, como Midas ou Figa

Con este segundo disco, as pandeireteiras querían explorar os límites da música tradicional e presentaron un traballo maduro, cheo de matices e renovador, que situou ao trío formado por Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro no epicentro da renovación da escena trad.  

As entradas para o concerto especial de fin de xira sairán á venda o luns 18, a partir das 12.00 horas, a través da plataforma dixital Enterticket e cun prezo de 15 euros máis gastos de xestión. Na billeteira custarán 18 euros.