Teatro Ghazafelhos xunta dous peculiares cosmonautas en "3, 2, 1...", nova cita con Domingos do Principal

Pontevedra
07 de febreiro 2015

Antes da obrigada semana de descanso con motivo do entroido, o ciclo de teatro infantil Domingos do Principal ten programada unha nova cita. O Teatro Principal acollerá este domingo 8 de febreiro, en sesión dobre ás 12.00 e ás 18.30 horas, a representación do espectáculo 3, 2, 1... da compañía galega Teatro Ghazafelhos

Escena de "3, 2, 1...", de Teatro Ghazafelhos
Escena de "3, 2, 1...", de Teatro Ghazafelhos

Antes da obrigada semana de descanso con motivo do entroido, o ciclo de teatro infantil Domingos do Principal ten programada unha nova cita. O Teatro Principal acollerá este domingo 8 de febreiro, en sesión dobre ás 12.00 e ás 18.30 horas, a representación do espectáculo 3, 2, 1... da compañía galega Teatro Ghazafelhos.

Trátase dunha obra de teatro xestual e mímica, acompañado da manipulación de monicreques e obxectos e moita música.

Nela, un astronauta chega a un planeta descoñecido. Alí encóntrase cunha extraterrestre que tamén chegou de exploración. Despois do estraño encontro os dous cosmonautas comezan a convivir descubrindo sentimentos que xamais sospeitarían ter.

O espectáculo desta compañía, procedente de Narón, é unha montaxe repleta de humor e tenrura que promete chegar ao corazón dos espectadores pontevedreses.

Ten unha duración aproximada de 55 minutos e está recomendada para nenos a partir de cinco anos.

As entradas, para todos aqueles que non adquirisen o bono, pódense conseguir en www.servinova.com. En caso de non se esgotar, estarán dispoñibles no despacho do Teatro Principal dende unha hora antes do inicio da función.